A Xunta anima na Estrada a apostar polo programa de Primeira experiencia profesional e polos seus novos apoios para formar aprendices en oficios artesanais

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais e o director xeral de Comercio e Consumo visitaron hoxe o obradoiro artesanal de xoiería Druída, beneficiario desta nova liña de 1 M€ coa que se prevé formar uns 50 aprendices en oficios tradicionais

A convocatoria global está dotada dun importe superior aos 8,7 M€, co gallo de beneficiar máis de 520 persoas desempregadas en toda Galicia

O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2026 ou ata que se esgote o crédito

A Estrada (Pontevedra), 28 de agosto de 2026

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitaron hoxe na Estrada o obradoiro artesanal de xoiería Druída, beneficiario da nova liña de apoios destinada a formar aprendices en oficios tradicionais que se estrea este ano cun orzamento de 1 M€ e coa previsión de beneficiar medio cento de persoas. Acompañados polo concelleiro estradense de Promoción Económica, Óscar Durán, os representantes autonómicos destacaron que a Xunta mantén aberta a convocatoria do programa de Primeira experiencia profesional na que se enmarcan estas achegas, dotada cun importe global de máis de 8,7 M€ para beneficiar en total máis de 520 persoas desempregadas.

Poñendo o foco na retención do talento mozo e na cobertura de vacantes en sectores estratéxicos, o programa impulsa preferentemente a empregabilidade das persoas menores de 30 anos, podendo beneficiarse tamén as maiores desa idade no caso dos apoios destinados ao sector artesanal, que se dirixen aos obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. É este o caso de Druída, que acumula dúas décadas traballando baixo a marca e que —grazas ás novas axudas— poderá contar cunha persoa aprendiz no seu taller.

En concreto, as achegas están destinadas a incentivar contratos de prácticas ou de formación en alternancia —a tempo completo e durante 12 meses— nas empresas, centros especiais de emprego, empresas de inserción laboral e, por primeira vez, tamén nos obradoiros artesanais. O obxectivo é dotar as persoas inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia de competencias que lles permitan acceder ao mercado laboral. As axudas dan cobertura aos custos salariais dos postos de traballo, con contías que van desde preto de 10.000 aos máis de 16.600 euros.

A iniciativa facilita así un período de práctica profesional acompañado dun proceso de formación para o emprego, favorecendo a inserción laboral das persoas participantes que, unha vez rematado o proceso, contarán con novas competencias para acceder a un emprego estable.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de setembro ou ata que se esgote o crédito dispoñible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2026