O delegado da Xunta en Ourense visitou esta mañá o concello de Cenlle, onde anunciou a concesión dunha achega de 19.400€ no marco desta orde de axudas

A Xunta destina máis de 85.000€ á mellora de instalacións para actividades culturais en 7 concellos da provincia de Ourense

Manuel Pardo explicou que na liña de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para impulsar a modernización e renovación de equipamentos culturais, na provincia de Ourense foron beneficiados, ademais desta entidade, os concellos de Vilar de Barrio, Ribadavia, O Carballiño, Allariz, Celanova e Xunqueira de Espadanedo

Entre as accións que se sufragan inclúense os traballos de mellora de accesibilidade e condicións dos locais, a inauguración de novos centros e a adquisición de equipamento

Ourense, 28 de agosto de 2026

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá a Cenlle para anunciarlle á súa alcaldesa, Rebeca Sotelo, que o seu concello foi beneficiado dunha achega de 19.400 euros ao abeiro da orde de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o equipamento e a mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais. Neste caso, a axuda vai dirixida á mellora das condicións do local destinado á biblioteca pública municipal e á aula CEMIT.

O delegado destacou que nesta resolución, que contou cun orzamento de 500.000 euros, contribúe á mellora de 39 infraestruturas como  centros socioculturais, auditorios ou bibliotecas de toda Galicia. Trátase dunha medida que permite o desenvolvemento e incremento da calidade da oferta cultural de 39 concellos, dos que 7 pertencen á provincia de Ourense (Cenlle, Vilar de Barrio, Ribadavia, O Carballiño, Allariz, Celanova e Xunqueira de Espadanedo) cun investimento total de máis de 85.000 euros.

Durante a visita, Manuel Pardo sinalou que mediante esta convocatoria, o Goberno galego axudará a sufragar gastos relativos á mellora da accesibilidade, mediante a instalación de plataformas elevadoras, e das condicións dos locais a través da reforma dos servizos enerxéticos ou de calefacción. Así mesmo, contribuirase á posta en funcionamento de novos centros e a mellora de equipamento das sales con accións como a instalación de butacas ou a compra de equipamento escénico, audiovisual, de iluminación e de son.

Nesta liña, subliñou o compromiso da Xunta coa modernización e adecuacións deste tipo de infraestruturas en liña cos obxectivos do Plan de modernización das infraestruturas culturais públicas de Galicia ou en dos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia para permitir o acceso á cultura sexan cales sexan as circunstancias sociais, económicas ou demográficas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2026