Villaverde destaca a ofrenda aos mariñeiros de Meira como un tributo de xustiza á memoria e ao traballo da xente do mar
Durante o evento homenaxeouse a Fernando Malvido, encargado do discurso e a ofrenda floral, e a María Trigo, pioneira ao converterse en 1980 na primeira muller do Morrazo en obter a libreta marítima
Moaña (Pontevedra), 29 de agosto de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, asistiu en Moaña á tradicional Ofrenda aos Mariñeiros, o acto máis solemne e emotivo das festas patronais de Samertolameu de Meira, que serve como recoñecemento á xente do mar desta vila mariñeira.
Villaverde puxo en valor o vínculo indisoluble da vila coa actividade pesqueira e marisqueira, lembrando que Moaña e Meira son un motor vivo das Rías Baixas, un pobo que fixo da pesca e do mar o seu orgullo e o seu sustento diario. A conselleira subliñou que esta cita ademais de tradición, é un agradecemento de xustiza ao esforzo, ao traballo e á memoria de quen nos precederon e hoxe guían os nosos pasos. Así mesmo, fixo fincapé no papel fundamental das mariscadoras, redeiras e familias que sosteñen en terra os fogares mariñeiros.
No transcurso do acto entregáronse cadansúas placas de recoñecemento a Fernando Malvido González, mariñeiro de longa traxectoria que exerceu como voceiro da ofrenda, e a María Trigo Cao. A conselleira destacou a figura de Trigo Cao como referente histórico de igualdade ao abrir camiño a moitas outras mulleres tras ser a primeira da comarca en obter a competencia de mariñeiro para enrolarse a bordo. "O seu exemplo demostra, con claridade, que o noso mar tamén se escribe con nome de muller".