A Xunta colabora nun proxecto científico que estuda a orixe das especies a través do caramuxo bravo presente no Parque Nacional das Illas Atlánticas

Neste espazo protexido conviven catro formas adaptadas desta especie, denominadas ecotipos, axustados a condicións propias de cada illa

O estudo SINGULARGEN, desenvolvido pola Universidade de Vigo, ten por obxectivo determinar a escala xenómica que fai singulares as poboacións destes moluscos en Cíes, Ons, Sálvora, Cortegada e no Lago dos Nenos

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2026

A Xunta colabora nun proxecto científico que estuda a orixe das especies a través do caramuxo bravo presente no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Esta especie é un pequeno gasterópodo -molusco- localizado no intermareal rochoso do Atlántico norte que se emprega como organismo modelo en ecoloxía evolutiva en diversas universidades e permite observar nun organismo vivo as fases iniciais de formación de novas especies.

Este molusco ten unha escasa capacidade de dispersión xa que carece de fase larvaria planctónica, as súas poboacións diverxen a escalas de poucos metros e desenvolven adaptacións locais estables -ecotipos-. Isto débese a factores tan distintos como poden ser a forza da oleaxe, a depredación por cangrexos ou o grao de abrigo, entre outros.

Neste senso, o Parque Nacional acolle catro destes ecotipos: nas costas expostas de Cíes, Ons e Sálvora conviven o ecotipo Wave -pequeno e de concha fina- e o Crab -de concha maior, grosa e con bandeado característico-; en Cortegada, que é o punto máis protexido da oleaxe de todo o Parque, rexístrase un fenotipo próximo ao Crab+ -de concha maior e abertura proporcionalmente menor-.

No caso do Lago dos Nenos, unha lagoa illada do mar situada entre as illas de Monteagudo e Faro, ocorre algo excepcional xa que se atopa un cuarto ecotipo exclusivo desta localización denominado Cíes -que carece de bandeado e cunha concha máis fina e alongada- e descrito polo equipo investigador no ano 2020.

Cómpre lembrar que este estudo se desenvolve no marco do proxecto SINGULARGEN, levado a cabo no Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo -CIM-UVigo- e aborda o estudo destas poboacións a escala xenómica completa. Esta estratexia combina a análise conxunta de cada ecotipo e illa, para comparar centos de miles de posicións do xenoma entre as catro illas do Parque e as costas continentais, cunha análise de individuo a individuo nos ecotipos Cíes e Crab das Illas Cíes, que cruza o xenoma de cada exemplar coa forma da súa cuncha e coa súa tolerancia á calor.   

Así, os resultados terán unha aplicación directa á conservación destas poboacións permitindo estimar o censo efectivo, actual e histórico da poboación do Lago dos Nenos e anticipar riscos de consanguinidade nunha variabilidade xenética que non existe en ningún outro punto da costa galega.

O proxecto está financiado polo Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN) dentro da convocatoria de axudas para a investigación científica na Rede de Parques Nacionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/08/2026