A Xunta apoia en Sanxenxo a pesca artesanal a través da diversificación das súas actividades
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, coñece a experiencia ‘Pescaturismo Playa de Sanxenxo’, que achega aos visitantes o traballo dos profesionais do mar, as artes tradicionais e os produtos pesqueiros galegos
Sanxenxo (Pontevedra), 28 de agosto de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na experiencia Pescaturismo Playa de Sanxenxo, unha iniciativa coa que se procura apoyar a pesca artesanal mediante a diversificación das súas actividades e que permite aos visitantes embarcarse nun buque de pesca e coñecer, de primeira man, o traballo diario dos profesionais do mar.
A actividade busca diversificar os ingresos a través do turismo mariñeiro, combinando a actividade pesqueira real coa divulgación do patrimonio marítimo, a biodiversidade e a gastronomía. Durante a experiencia, os participantes acompañan á tripulación no traballo con artes menores e tradicionais, como as nasas para a captura de polbo e nécora ou os miños para peixes de fondo, ao tempo que coñecen a contorna do Parque Nacional das Illas Atlánticas e o funcionamento da comercialización do peixe na lonxa.
A Consellería do Mar concedeu un total de 17.463 euros a dous proxectos vinculados ao Pescaturismo Playa de Sanxenxo, no marco das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítima, da Pesca e da Acuicultura (Fempa). O primeiro, aprobado en 2021, permitiu poñer en marcha a iniciativa con 8.241,92 euros de axuda pública. Agora, no marco da convocatoria de 2026, para consolidar e mellorar a actividade.
Esta segunda actuación permite incorporar á embarcación placas fotovoltaicas para autoconsumo, colectores para a reciclaxe de residuos e novo mobiliario de cuberta, así como mellorar as condicións de seguridade, confort e interpretación do medio mariño. O proxecto contribúe, ademais, ao mantemento de 3,5 postos de traballo equivalentes a tempo completo vinculados á actividade.
Durante a visita, Villaverde destacou o valor do pescaturismo como ferramenta para achegar a sociedade ao traballo dos profesionais do mar, poñer en valor a pesca artesanal e os produtos pesqueiros e xerar novas oportunidades de actividade e ingresos nas comunidades costeiras. A Xunta apoia, a través das EDLP, este tipo de iniciativas que contribúen á diversificación económica e á valorización do patrimonio e da cultura mariñeira de Galicia.