O Instituto Manuel Murguía de Arteixo estrea instalacións renovadas no inicio de curso

O conselleiro de Educación visitou hoxe o centro, no que se investiron máis de 1,2 M€ para facer unha rehabilitación integral

A intervención centrouse na mellora da eficiencia enerxética, reducindo en arredor dun 50% de media tanto o consumo como as emisións de dióxido de carbono

Arteixo (A Coruña), 28 de agosto de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Instituto Manuel Murguía, en Arteixo, no que o seu departamento vén de rematar unha obra de rehabilitación integral que contou cun investimento de máis de 1,2 M€.

A intervención centrouse na renovación da envolvente para mellorar a eficiencia enerxética do centro, reducindo en arredor dun 50% de media tanto o consumo como as emisións de dióxido de carbono. “Isto redunda non só nunhas instalacións máis respectuosas co medio ambiente, un dos obxectivos prioritarios do Plan de nova arquitectura pedagóxica, senón tamén nun maior confort térmico para toda a comunidade educativa”, sinalou o conselleiro.

Actuouse tanto no edificio principal como no aulario de Bacharelato e no ximnasio. En todos eles mudáronse as cubertas, colocando 1.895 m² de nova cubrición de panel sándwich de chapa de aceiro galvanizado con recheo de escuma de poliuretano e outros  176 m2 de cubertas planas. Así mesmo, aplicouse illamento térmico nos 2.523 m² de fachadas mediante a colocación de sistema SATE.

No referido ás carpinterías metálicas, instaláronse 122 fiestras e 17 portas novas de aluminio con rotura de ponte térmica con vidros dobres; así como 523 luminarias led, ademais de executar outros traballos complementarios.

Máis de 3,8 M€ no concello

O titular do departamento educativo da Xunta destacou o compromiso coas instalacións educativas do concello de Arteixo, onde se están a investir máis de 3,8 M€ ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. “Non en balde está en execución tamén a ampliación do Instituto A Pastoriza, cun orzamento de case 2,1 M€, e coas obras moi avanzadas”, dixo.

Así mesmo, renovouse a cuberta do Colexio Ponte dos Brozos, unha intervención rematada recentemente por importe de máis de 400.000 €, entre outras melloras nos colexios e institutos da localidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2026