A Xunta pon en valor os arredor de 1.500 proxectos asesorados en Lugo a través da rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego
Os cinco polos activos na Fonsagrada, Mondoñedo, Friol, Monforte e Sarria contribuíron xa á creación de 116 novas empresas, consolidando esta iniciativa como unha das principais vías de canalización das novas ideas de negocio en Galicia
Máis da metade dos proxectos acompañados na provincia están impulsados por mulleres, con especial presenza da hostalaría, o comercio e os servizos
A Rede conta con 15 oficinas en Galicia, nas que xa se atenderon máis de 7.100 iniciativas e se ofrece acompañamento personalizado e gratuíto para poñer en marcha ou consolidar proxectos empresariais
Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2026
Os cinco Polos de emprendemento e apoio ao emprego que a Xunta mantén activos na provincia de Lugo xa acompañaron arredor de 1.500 proxectos empresariais desde a súa posta en marcha, contribuíndo á creación de máis de 116 novas empresas. A Fonsagrada, Mondoñedo, Friol, Monforte de Lemos e Sarria conforman esta rede provincial, que ofrece asesoramento individualizado e gratuíto ás persoas que buscan iniciar unha actividade ou dar continuidade e consolidar un negocio xa existente.
No marco deste traballo, o persoal técnico dos Polos realizou ata o de agora máis de 4.900 titorías, presenciais e en liña, adaptadas ás necesidades de cada iniciativa e ás distintas fases polas que atravesan os proxectos emprendedores.
O perfil das persoas que recorren a este servizo amosa, ademais, unha importante presenza feminina, xa que máis da metade dos proxectos asesorados na provincia están impulsados por mulleres. Por actividade económica, a hostalaría concentra o maior número de iniciativas, cun 20% do total, seguida do comercio, cun 16%, e dos servizos, cun 13%.
Outro dos ámbitos nos que incide a Rede é o da remuda empresarial. As iniciativas vinculadas á transmisión de negocios representan o 6% dos proxectos atendidos en Lugo. A través deste servizo, os Polos poñen en contacto ás persoas propietarias de negocios que queren vender ou alugar a súa actividade con potenciais emprendedores interesados en asumir a súa xestión, facilitando así a continuidade de empresas viables e reducindo os riscos asociados á creación dun negocio desde cero.
Neste ámbito, a Xunta conta tamén co Bono remuda, integrado nunha das cinco liñas da orde unificada de axudas para persoas autónomas, que permanece aberto ata o 30 de setembro cun orzamento de 1,5 M€.
A actividade dos cinco polos lugueses esténdese tamén máis alá do asesoramento individual. Desde a súa creación, organizaron máis de 820 actividades, entre encontros con entidades e axentes do territorio, accións formativas e diferentes eventos destinados a impulsar o emprendemento e favorecer a colaboración no ámbito local.
Unha rede de impulso ao emprendemento
A Rede de polos forma parte da aposta estratéxica do Goberno galego por apoiar iniciativas que contribúan á innovación e á vertebración do territorio, fixando poboación no rural e poñendo a disposición das persoas emprendedoras todas as ferramentas necesarias para impulsar as oportunidades de negocio e aproveitar os recursos dispoñibles. Nese sentido, é unha das ferramentas clave da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, a través da que se seguirá potenciando o seu labor para identificar oportunidades locais e sectores tractores de cada zona.
Posta en marcha en xullo de 2022, actualmente, a Rede conta con 15 oficinas activas, espalladas por todo o territorio: tres na provincia da Coruña (Ferrol, Coristanco e Melide), cinco na provincia de Lugo (Friol, Mondoñedo, Sarria, A Fonsagrada e Monforte de Lemos); catro na provincia de Ourense (O Carballiño, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras e Verín); e tres na provincia de Pontevedra (Silleda, O Porriño e Vilanova de Arousa).
Desde o inicio, no total de Galicia xa se atenderon máis de 7.100 experiencias de emprendemento, entre as que predomina o sector servizos, seguido do comercio e da hostalaría. Ademais, no conxunto das catro provincias, lévanse realizado máis de 22.300 titorías e máis de 2.800 actividades.