A Xunta e o Concello de Cenlle destinan 580.000 euros á mellora das redes de abastecemento e saneamento de auga da Parroquia de Laias
Ángeles Vázquez pon a Cenlle como exemplo de responsabilidade ao facer unha auditoría sobre o estado da súa rede de abastecemento, que detectou a necesidade de renovar esta liña para garantir o servizo en cantidade e calidade
A actuación na rede de saneamento permitirá mellorar o seu funcionamento, reducindo os vertidos e chegando a máis poboación
O Goberno galego financia a actuación nun 80% mentres que a Administración local aporta o 20% restante
Cenlle (Ourense), 31 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia e o Concello de Cenlle destinarán preto de 580.000 euros á renovación de infraestruturas básicas das redes de abastecemento e saneamento da parroquia de Laias, segundo o convenio de colaboración que asinaron hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa da localidade, Rebeca Sotelo.
Segundo dixo Ángeles Vázquez, a renovación da rede de abastecemento é especialmente importante nun momento no que os efectos do cambio climático con precipitacións cada vez máis irregulares obrigan a garantir un uso máis responsable da auga evitando perdas. Nese senso, puxo a Cenlle como exemplo de responsabilidade neste eido ao facer unha auditoría sobre o estado da súa rede de abastecemento, que detectou a necesidade de renovar esta liña para garantir o servizo en cantidade e calidade.
En concreto, substituirase a tubaxe existente de PVC -con constantes roturas e perdas-por outra de polietileno e instalaranse novos elementos auxiliares como chaves de corte, bocas de rega ou ventosas. Así mesmo, executaranse 48 ramais de conexión domiciliaria.
En canto á rede de saneamento, renovaranse máis de 415 metros de tubaxe na liña que discorre paralela á estrada N-120 e tamén se executarán 23 ramais de conexión domiciliaria. Estes traballos permitirán mellorar o funcionamento da rede, reducindo os vertidos e chegando a máis veciños. Neste caso, cómpre indicar que se aproveitará esta actuación para instalar tamén unha canalización auxiliar para o futuro soterramento da rede eléctrica.
Durante a súa intervención, a conselleira explicou que esta actuación, que beneficiará a preto de 200 habitantes, está financiada nun 80% pola Xunta mentres que o 20% restante será achegado polo Concello de Cenlle.
Así mesmo, Ángeles Vázquez lembrou que esta obra se enmarca nun paquete de 31 actuacións de abastecemento, saneamento e depuración programadas por Augas de Galicia co obxectivo de reforzar servizos hidráulicos no rural. Conta cun orzamento de máis de 27,7 millóns de euros ao abeiro do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.
Tal e como dixo a conselleira, o convenio asinado con Cenlle é un exemplo máis do apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos desde hai anos para que poidan exercer as súas competencias en materia de abastecemento e saneamento dun xeito máis eficiente.