Belén do Campo e a alcaldesa de Ribeira supervisan os traballos do obradoiro de emprego de carpintaría na escola infantil municipal e de mellora de montes na parcela de San Roque

A representante do Goberno autonómico informou que este taller formativo, organizado en colaboración co Concello do Porto do Son, conta cun investimento de case 547.000 euros, para formar a 20 desempregados no eido de mantemento forestal e carpintaría e moble e que se está desenvolvendo desde o pasado 1 de xullo ata o 28 de febreiro de 2027

Ribeira (A Coruña), 31 de agosto de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Ribeira, Mariola Sampedro, visitou dúas das actuacións do obradoiro de emprego Tahume XI neste municipio, unha iniciativa que está permitindo formar durante nove meses a 20 persoas desempregadas nas especialidades de: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, actividades auxiliares en aproveitamentos forestais, traballos de carpintaría e moble e aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintaría e moble.

Durante a visita, a delegada desprazouse a dous puntos nos que o alumnado-traballador desenvolveron os seus traballos, onde puido coñecer de primeira man a evolución das actuacións e intercambiar impresións coas persoas participantes. A representante do Goberno galego salientou a importancia destes programas para facilitar a adquisición de competencias profesionais e contribuír á mellora da empregabilidade. Concretamente, supervisou as actuacións de carpintaría e moble na escola infantil municipal e as intervencións realizadas na parcela de San Roque de conservación e mellora de montes. Próximamente comezaran os traballos de instalación dunha pasarela de madeira no campo de fútbol Carreiro, en Aguiño.

Obradoiro Tahume XI

No obradoiro Tahume XI ao longo destes nove meses, os alumnos-traballadores desenvolven un total de 29 actuacións de mellora e acondicionamento de espazos, equipamentos e zonas verdes nos dous municipios, 16 no concello de Ribeira e 13 no municipio de Porto do Son.

No caso de Ribeira, entre as actuacións que se están a desenvolver figuran os traballos de fabricación e tratamento de mobiliario para a escola infantil municipal, realizados nas especialidades de traballos de carpintería e moble e de aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería. Tamén se están a  acometer actuacións de fabricación e instalación de mobiliario en centros educativos, como as mesas rústicas de exterior para o colexio A Capela de Carreira e as mesas-merendeiro con bancada para o colexio de Deán.

O alumnado tamén participa na mellora e mantemento de diferentes equipamentos municipais, entre eles a reposición do valado do parque infantil de Sirves e os traballos de mantemento no parque infantil de Caticovas. Outra das principais liñas de traballo en Ribeira está relacionada coa conservación e mellora de montes, con actuacións en parcelas situadas, ademais de en San Roque, en Soidade, Cruxeiras, Frións, Fieiteira, Castelo, Couso, Pedra Sombra, Deán Grande e Conlleira.

Investimento

O programa conta cun investimento autonómico de preto de 547.000 euros dos cales 92.000 son para 20 incentivos que consisten en 3.000 euros para as empresas por persoa contratada e outros 1.500 para o concello por cada inserción alcanzada. Este taller formativo comezou o 1 de xullo e rematará o 28 de febreiro de 2027.

A representante autonómica puxo en valor a aposta do Goberno galego polos obradoiros de emprego, unha liña de actuación que permitirá este ano desenvolver preto dun cento de programas en toda Galicia, cun investimento de 48,1 millóns de euros para formar a arredor de 2.000 persoas sen emprego.

Na provincia da Coruña están aprobados 27 obradoiros de emprego, cun investimento superior aos 13 millóns de euros e dos que se benefician 540 alumnos e alumnas. No caso da comarca do Barbanza, a Xunta financia 5 obradoiros de emprego cun orzamento de máis de 2,5 millóns de euros, que permitirán formar a 100 persoas desempregadas. Ademais do de Ribeira con Porto do Son, participan nesta iniciativa os talleres promovidos por Boiro, Muros con Carnota, Noia con Lousame e Outes e Rianxo.

A representante autonómica agradeceu a colaboración do alumnado, do equipo docente e dos concellos implicados, cuxo traballo coordinado resulta fundamental para impulsar actuacións que respondan ás demandas específicas de cada municipio. Así mesmo, lembrou que os concellos teñen un papel esencial na identificación das necesidades do territorio e na planificación de proxectos que repercuten directamente no benestar da cidadanía.

Para rematar, animou aos participantes a seguir formándose e traballando con dedicación e entusiasmo, aproveitando todos os recursos que lles ofrece o programa. Segundo indicou, este tipo de iniciativas constitúen unha ferramenta clave para mellorar as posibilidades de acceso ao emprego e abrir novas perspectivas de futuro profesional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/08/2026