A Xunta inviste máis de 450.000 euros no obradoiro de emprego que comparten Paradela, Láncara e Samos
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, comprobou hoxe as melloras que se están a executar no exterior do colexio público de Paradela, onde tamén se encargarán de acondicionar tres miradoiros
Paradela (Lugo), 31 de agosto de 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste 454.500 euros no obradoiro dual de emprego Os Soutos II, compartido polos concellos de Paradela, Láncara e Samos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, comprobou hoxe as actuacións que se están a levar a cabo estes días no colexio público de Paradela, onde realizan melloras en varios espazos exteriores, como a zona axardinada e o parque infantil. Na visita tamén estivo a alcaldesa do municipio, Montserrat Mulet.
Nese mesmo municipio, tamén se ocuparán do acondicionamento dos miradoiros de Adega dos Penegos, Cabo de Vila e Santa Marta, así como da parcela do mercado municipal.
O taller comezou a funcionar no mes de xuño e prolongarase ata febreiro do próximo ano. Conta con 20 prazas repartidas en dúas especialidades, unha delas sobre urbanización e outra sobre conservación e mellora de montes.
O proxecto comprende intervencións nos tres municipios. Así, en Láncara céntranse no acondicionamento do paseo do ferrocarril, mentres que en Samos rehabilitarán varias fontes e beirarrúas, ademais de executar obras de mantemento no colexio.
O delegado remarcou o dobre obxectivo dos obradoiros duais de emprego, que por unha banda ofrecen formación práctica e un traballo efectivo ás persoas desempregadas, ao tempo que dan resposta ás necesidades reais dos municipios mediante actuacións que repercuten directamente no territorio.