O Servizo Galego de Saúde incorpora á Sociedade Oncolóxica de Galicia como socio científico para colaborar no desenvolvemento do centro de coidado integral do cancro

A Xunta traballa en acadar a certificación para formar parte da rede europea de centros de referencia contra o cancro, tras a designación de Galicia como candidata 

O centro está concibido como un sistema integrado multinodal cunha gobernanza única que articula os recursos asistenciais das sete áreas sanitarias da sanidade pública, con catorce hospitais, tres institutos de investigación biomédica e a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

A Sociedade Oncolóxica de Galicia manifesta o seu interese en colaborar activamente no proxecto, co fin de sumar a súa capacidade científica e a súa rede profesional

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026

O Servizo Galego de Saúde vén de asinar un convenio de colaboración coa Sociedade Oncolóxica de Galicia para a súa incorporación como socio científico, coa finalidade de colaborar no desenvolvemento do Centro de Coidado Integral do Cancro de Galicia.

A Xunta ten como proxecto estratéxico a acreditación da sanidade pública galega como centro de referencia contra o cancro, xa que Galicia foi designada pola Unión Europea como candidata a formar parte dunha rede europea de excelencia. 

Así, a Sociedade Oncolóxica de Galicia presentoulle ao Servizo Galego de Saúde o seu interese en colaborar activamente no proxecto co fin de sumar a súa capacidade científica e a súa rede profesional.

Deste xeito, a Xunta facilitaralle á sociedade a información necesaria sobre a estrutura, organización e funcionamento do Centro de Coidado Integral do Cancro de Galicia. Tamén se promoverá que os profesionais sanitarios do sistema público galego participen nas actividades formativas, nos grupos de traballo e nas redes científicas que organice ou coordine a sociedade. 

Ademais, a Xunta colaborará coa Sociedade Oncolóxica de Galicia nas actividades de difusión que se organicen para comunicar os avances no proceso de certificación do centro, que culminarán en 2028.

Oncoloxía próxima e de vangarda

O Centro de Coidado Integral do Cancro de Galicia non disporá dunha sede física senón que será un modelo organizativo que agrupa todos os recursos asistenciais destinados á atención ao cancro no ámbito do sistema público sanitario galego, co traballo en rede dos profesionais e servizos das sete áreas sanitarias, tres institutos de investigación biomédica e a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

O obxectivo principal é consolidar Galicia como un referente de excelencia e calidade nesta materia, garantindo que os avances científicos se apliquen de forma efectiva na práctica clínica e que todos os galegos e galegas teñan acceso a unha atención oncolóxica de calidade, vivan onde vivan, e seguindo os máis altos estándares europeos de calidade e equidade.

Esta estrutura integrará nun mesmo sistema a prevención, o diagnóstico, o tratamento, a investigación e a innovación. Trátase dun modelo que beneficiará tanto aos pacientes, que accederán a terapias máis innovadoras; como aos profesionais, que verán reforzado o seu liderado; e ao propio sistema, que gañará prestixio e atraerá talento e financiamento.

Galicia dispón dos alicerces necesarios para aspirar ao selo de excelencia e iniciou o traballo cara a acreditación en marzo, coa creación do Comité Operativo e do Grupo Técnico de acreditación, que se encarga das tarefas de dirección, coordinación técnica e seguimento integral do proceso. 

Na seguinte fase, a de autoavaliación, comprobarase que o proxecto galego se adecúa aos máis de 300 estándares propostos en ámbitos como a gobernabilidade, o coidado ou a integración da investigación. Seguiralle a fase da auditoría, prevista no primeiro semestre de 2028 ata acadar a certificación definitiva, que se decidirá no último trimestre dese mesmo ano.

Data de actualización: 01/09/2026