O titular de Sanidade participou na mesa de debate Recursos Humanos: ¿el talón de Aquiles?, no marco do II Encontro sobre políticas sanitarias e estado das autonomías que se celebra en Santander
Gómez Caamaño incide na formación e nas medidas da Xunta para a retención de talento para combater o déficit de médicos
O responsable da carteira sanitaria da Xunta analizou en Santander os retos dos recursos humanos no sistema público
Salienta que o maior reto é afrontar a escaseza de profesionais a nivel estatal nas especialidades de medicina familiar e comunitaria e de pediatría
Na actualidade, Galicia conta con 566 prazas de formación sanitaria especializada para facultativos
A Xunta adoptou medidas para dotar de profesionais médicos os postos de difícil cobertura, convocando recentemente 25 prazas de médicos de Urxencias para o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
Santander, 27 de agosto de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, situou a formación de novos especialistas, a retención do talento e a mellora das condicións laborais como os eixes para combater o déficit de médicos que sofre o conxunto do Sistema Nacional de Saúde.
Así o manifestou durante a súa intervención na mesa de debate Recursos Humanos: ¿el talón de Aquiles?, no marco do II Encontro sobre políticas sanitarias e estado das autonomías que se está a celebrar en Santander.
A falta de profesionais médicos, compartida polas comunidades e por outros sistemas sanitarios europeos, está relacionada en boa medida co progresivo envellecemento dos cadros de profesionais e afecta, sobre todo, a especialidades como medicina familiar e comunitaria e pediatría.
Neste senso, Gómez Caamaño destacou que Galicia está a traballar nunha estratexia que combina o incremento da formación de novos especialistas, a retención dos profesionais, a mellora das súas condicións laborais e outras medidas específicas para aqueles postos de difícil cobertura.
O relevo xeracional dos profesionais sanitarios
O envellecemento dos cadros de persoal constitúe un dos elementos que deben terse en conta na planificación das necesidades futuras do sistema sanitario galego. Dos 33.746 profesionais do Servizo Galego de Saúde, 8.904 teñen ou cumprirán 60 ou máis anos durante 2026, o que representa o 26,39 % do total.
No caso da atención primaria, a idade media do conxunto dos seus facultativos sitúase nos 48,33 anos, polos 45,06 anos que rexistran os médicos de atención especializada.
Para dar resposta a esta necesidades, Galicia está a incrementar a súa capacidade formativa. Neste senso, a oferta de prazas de formación sanitaria especializada para facultativos foi aumentando nos últimos anos ata alcanzar as 566 prazas.
Esta suba concentrouse especialmente nos ámbitos que presentan maiores necesidades de profesionais, entre eles, a de medicina familiar e comunitaria, a de pediatría en atención primaria e determinadas especialidades hospitalarias.
Xunto co incremento das prazas de formación, o conselleiro salientou a importancia da retención do talento, avogando por favorecer que os profesionais formados en Galicia permanezan no sistema sanitario público. Para iso, a Xunta impulsa medidas orientadas á estabilización, fidelización e mellora das condicións dos seus profesionais.
Neste senso, o Goberno galego adoptou diferentes medidas e incentivos vinculados á xubilación e á prolongación da xornada, e tamén melloras retributivas vencelladas aos postos de difícil cobertura e á realización de gardas.
Medidas específicas para postos de difícil cobertura
Segundo explicou Gómez Caamaño, Galicia tamén artellou medidas para facilitar a provisión de postos de difícil cobertura a través de procedementos selectivos específicos.
Así, desenvolveu a Lei 2/2022, do 6 de outubro, con medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura, co obxecto de garantir unha atención sanitaria de calidade a toda a poboación galega.
Recentemente, esta medida vén de ser aplicada para dotar con novos profesionais o servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, cunha convocatoria de 25 prazas, por concurso de méritos.