A Xunta iniciará o 7 de setembro a toma de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

As persoas convidadas reciben unha mensaxe SMS na que poderán reservar a súa cita a través da app Sergas Móbil

O obxectivo é acadar a participación de 541 persoas: 438 de Ourense, 55 do Barco de Valdeorras e 48 de Verín

No caso do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense as extraccións de sangue realizaranse do día 7 ao 24 de setembro

No Hospital Comarcal de Valdeorras a toma de mostras terá lugar nas xornadas do 28 e 29 de setembro

No caso do Hospital Público de Verín, será do día 30 de setembro ao 1 de outubro

A primeira e a segunda fase piloto do proxecto permitiron detectar 42 persoas portadoras de variantes xenéticas de alto risco

A Xunta inviste 20 M€ no proxecto Xenoma Galicia co obxectivo de recompilar o ADN de 400.000 galegos

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2026

A Xunta iniciará o vindeiro luns 7 de setembro a toma de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia nos distritos sanitarios de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

A Consellería de Sanidade vén de comezar o envío aleatorio de mensaxes SMS para convidar á poboación da área ourensá para participar nun proxecto que ten por obxecto identificar os xenes relacionados cos cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar.

Deste xeito, enviaranse 2.706 invitacións para participar en Xenoma Galicia, 2.188 de persoas do distrito de Ourense, 277 do Barco de Valdeorras e 241 de persoas do distrito de Verín.

A mensaxe contén a información necesaria sobre como deben proceder as persoas convidadas para reservar a súa cita para a toma de mostras, a través da app Sergas Móbil. O obxectivo é acadar a participación de 541 persoas: 438 de Ourense, 55 do Barco de Valdeorras e 48 de Verín.

As extraccións de sangue realizaranse dos días 7 ao 24 de setembro no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense de 15,30 a 18,30 horas. No caso do Hospital Comarcal de Valdeorras terán lugar nas xornadas do 28 e 29 de setembro de 15,30 a 18,30 horas. Así mesmo, no Hospital Público de Verín, será do día 30 de setembro ao 1 de outubro de 15,30 a 18,30 horas.

O persoal sanitario informará de todo o proceso aos participantes, que non deberán acudir en xaxún.

O Executivo galego inviste unha partida de 20 millóns de euros nun proxecto Xenoma Galicia co obxectivo de recompilar o ADN de 400.000 galegos

42 casos detectados con variantes xenéticas de alto risco

Coas mostras recollidas no marco do proxecto Xenoma búscase identificar variantes de xenes relacionados con cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar, ademais de nutrir o biobanco do proxecto.

A primeira e a segunda fase piloto do proxecto permitiron detectar 42 persoas portadoras de variantes xenéticas de alto risco. En consulta, dependendo da variante detectada, infórmase das opcións de seguimento personalizado, de se deben facerlle probas a algún familiar e dos hábitos de vida saudable que se poden seguir para diminuír o risco en caso de que, finalmente, apareza a patoloxía.

Ata o de agora, este programa pioneiro de cribado xenético da Xunta acadou 2.504 mostras analizadas dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %.

Tras o verán, a Consellería de Sanidade continuará coa toma de mostras na área sanitaria da Coruña e Cee, xunto co distrito sanitario de Lugo.

A porcentaxe de poboación incluída no proxecto Xenoma Galicia fai del un dos de maior envergadura do mundo. Permitirá predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados.

Deste xeito, Galicia situarase na primeira liña da investigación biomédica, ademais de ser un revulsivo para a industria biotecnolóxica e farmacéutica do país.

O proxecto Xenoma Galicia, coordinado pola Consellería de Sanidade e baixo a dirección dos investigadores da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica María Brión e Ángel Carracedo, contribuirá ao deseño de novos programas de prevención e detección temperá e personalizada. Ademais, establecerá as bases dun cribado xenético sustentable e equitativo.

Data de actualización: 26/08/2026