O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación da 19ª edición do certame, que se celebra do 4 ao 19 de setembro
A Xunta apoia o Festival Internacional de Cinema de Bueu na súa 19ª edición, que reunirá filmes de máis dunha vintena de países
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe á organización da cita a través da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais
Jacobo Sutil pon en valor a traxectoria da iniciativa dentro do circuíto galego de festivais audiovisuais e o seu papel na difusión internacional do formato curto ou na descuberta de novas voces cinematográficas
O cinema galego estará representado na Sección Oficial por Ángel Suanzes, David Fidalgo e Bea Lema, aos que se suma a selección específica de GZ_00
Bueu (Pontevedra), 1 de setembro de 2026
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da programación da 19ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu que se desenvolverá do 4 ao 19 de setembro cunha selección de filmes procedentes de máis dunha vintena de países e cunha destacada presenza do audiovisual galego. O certame conta novamente co apoio da Xunta de Galicia, que contribúe á súa organización cunha subvención de preto de 38.000 euros.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, xunto a representantes da organización e das demais entidades colaboradoras, puxo en valor a traxectoria da iniciativa dentro do circuíto galego de festivais audiovisuais e o seu papel na difusión internacional do formato curto, na descuberta de novas voces cinematográficas e na visibilidade da creación galega.
A achega á cita forma parte dos 310.000 euros que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude distribúe este ano entre 11 festivais audiovisuais galegos, un orzamento que se incrementa nun 3,3 % respecto de 2025. Esta liña de subvencións, creada en 2014, busca favorecer a consolidación dunha rede profesional de certames caracterizada pola súa diversidade de xéneros, formatos e especializacións, ao tempo que achega ao público produción internacional e serve de plataforma para o audiovisual galego máis recente.
32 curtas nas seccións Oficial e Descubertas
As seccións Oficial e Descubertas reunirán 32 curtametraxes, cunha selección que percorre cinematografías de Europa, Asia, América e Oceanía. Delas, 28 competirán na Sección Oficial, distribuídas en seis programas que se proxectarán entre o 7 e o 12 de setembro, e outras catro conformarán a sección Descubertas, dedicada ás propostas máis experimentais e innovadoras.
A competición internacional reúne obras procedentes de países como Portugal, Francia, Cuba, Estados Unidos, Mongolia, Australia, Ucraína, China, Canadá, Armenia, Lituania ou Reino Unido, entre outros, ademais dunha destacada presenza española e galega.
O cinema galego estará representado por tres obras na Sección Oficial. Ángel Suanzes competirá con Escala un cincuenta mil; David Fidalgo presentará a peza de animación Lucus; e Bea Lema participará con El cuerpo de Cristo, tamén realizada en animación. As tres curtas forman parte da última edición do catálogo Shorts From Galicia, publicado cada ano pola Xunta de Galicia co obxectivo de difundir internacionalmente o talento galego neste ámbito audiovisual.
A esta presenza súmase a sección GZ_00, dedicada especificamente á creación galega, con outros seis títulos que recibiron tamén apoio e proxección a través de diferentes liñas de axudas do Goberno autonómico: Furada Negra, de Berio Molina; Broom Broom Follar, de Sohu; A través, de Juan Lorenzo, e A voz de todas as cousas, de Daniel Pérez.
Apertura con ‘La Jetée’
O festival abrirá o 4 de setembro coa proxección de La Jetée (1962), de Chris Marker, unha das obras de referencia da historia da curtametraxe e da ciencia ficción. A sesión estará acompañada dun concerto de Chus Pazos Ensemble, formación integrada por Chus Pazos, Álex Touceda e Dani Font.
Esta apertura servirá tamén como punto de partida para a retrospectiva dedicada este ano á relación entre ciencia ficción e curtametraxe, unha das liñas temáticas da programación da 19ª edición. Ademais, a cita volverá completar as proxeccións cun programa de actividades arredor da divulgación e da reflexión cinematográfica, entre as que se atopan as súas Xornadas Cinematográficas e diferentes propostas relacionadas coa formación e a creación.
MiniFIC para os públicos máis novos
Durante a segunda semana do encontro desenvolverase tamén o MiniFIC, a iniciativa coa que se achega o cinema ao público infantil e xuvenil e aos centros de ensino. A través de proxeccións e actividades específicas, este programa busca favorecer o coñecemento da linguaxe audiovisual e a formación de novos públicos.
A programación do festival prolongarase ata o 19 de setembro, completando máis de dúas semanas de actividade arredor da curtametraxe, a creación contemporánea, a formación e a divulgación cinematográfica.