Villares visita a Feira do libro de Monforte, a última do circuíto impulsado pola xunta coa Federación de Librarías de Galicia

O delegado territorial puxo en valor o papel dos libreiros na promoción da lectura e na dinamización cultural das vilas e cidades galegas

Monforte de Lemos (Lugo), 28 de agosto de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou esta tarde a Feira do Libro de Monforte de Lemos, a última do circuíto de feiras que impulsa a Federación de Librarías de Galicia coa colaboración do Goberno galego.

Villares fixo un percorrido polos postos das librarías e entidades participantes instalados na rúa Cardeal, onde desde o mércores se desenvolveron presentacións de obras, sinaturas de libros, espectáculos infantís e actuacións musicais, entre outras propostas, baixo o lema ‘A porta a universos infinitos’. A feira celebrará mañá sábado a súa última xornada.

Durante a visita, o delegado territorial puxo en valor o papel dos libreiros “na promoción da lectura e na dinamización cultural das nosas vilas e cidades” e destacou que a colaboración na celebración deste tipo de feiras “enmárcase no apoio da Xunta ao sector e á aposta por seguir promovendo hábitos lectores entre a poboación”. Ao respecto lembrou a posta en marcha o Plan de Dinamización da Lectura de Galicia, que conta con 115 medidas ata 2029 e un investimento de máis de 60 millóns de euros.

A última das 13 feiras

Monforte de Lemos é a última das 13 feiras do libro que este verán percorreron distintas vilas e cidades das catro provincias galegas. No caso de Lugo, o circuíto incluíu tamén as citas de Lugo, Viveiro e Foz.

As Feiras do Libro forman parte da campaña de verán Para gustos, cultura, unha iniciativa impulsada desde a Xunta de Galicia para encher o verán dunha oferta cultural diversa e de calidade que se desenvolve en máis de 200 concellos, con máis de 3.600 actividades de 42 tipoloxías distintas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2026