O xerente do Servizo Galego de Saúde visita o Hospital de Barbanza para coñecer de primeira man a súa situación e planificar as futuras necesidades asistenciais
Luis León percorreu a zona de consultas, a sala de endoscopias e os servizos de Urxencias, Radioloxía e Farmacia
Subliña a importancia do futuro Hospital de Día Oncohematolóxico co que contará o centro sanitario, o que permitirá achegar tratamentos especializados sen que os pacientes teñan que desprazarse a outros hospitais
Coa visita de hoxe o xerente do Sergas conclúe a rolda de contactos que está a realizar polos hospitais comarcais
Ribeira (A Coruña), 2 de agosto de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León Mateos, visitou este martes o Hospital Público de Barbanza para coñecer de primeira man a situación do centro e planificar as futuras necesidades asistenciais.
Durante a visita institucional efectuada hoxe, o responsable sanitario visitou as consultas, a sala de endoscopias e os servizos de urxencias, radioloxía e farmacia.
Acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Ángel Facio, o responsable autonómico salientou a importancia do futuro Hospital de Día Oncohematolóxico co que contará o centro sanitario, o que permitirá achegar tratamentos especializados sen que os pacientes teñan que desprazarse a outros hospitais.
Co encontro de hoxe o xerente do Servizo Galego de Saúde pecha a rolda de contactos que está a realizar polos hospitais comarcais, tras achegarse nas últimas semanas aos hospitais comarcais da Mariña, Valdeorras, Verín, Virxe da Xunqueira, O Salnés e Monforte de Lemos.
A visita ao Hospital Público de Barbanza enmárcase no firme compromiso da Xunta por potenciar os hospitais comarcais, consolidando as melloras continuas orientadas a incrementar a súa capacidade asistencial e optimizar a xestión global dos recursos públicos.
Compromiso coa calidade asistencial en Barbanza
A Xunta vén de investir máis de 410.000 euros en reforzar a capacidade diagnóstica do Hospital de Barbanza cunha nova sala de radioloxía e novos ecógrafos para os servizos urxencias e dermatoloxía.
A nova sala de radioloxía, que contou cun investimento de case 250.000 euros, mellora a calidade da imaxe, aumenta a precisión diagnóstica, reduce a radiación que recibe o paciente e incorpora ferramentas baseadas en intelixencia artificial, ademais de dispoñer de tecnoloxía de imaxe 3D. Este novo equipamento permitirá realizar ao redor de 2.100 estudos cada ano, o que incrementa a capacidade asistencial do hospital comarcal.
Así mesmo, o servizo de urxencias optimizou a súa capacidade diagnóstica coa dotación dun novo ecógrafo portátil.
O investimento da Xunta no Hospital Público de Barbanza forma parte da estratexia do Executivo galego por seguir modernizando o equipamento sanitario dos hospitais comarcais co propósito de achegar a sanidade de vangarda a todo o territorio.
A aposta da Xunta pola calidade asistencial nesta comarca complétase coa recente posta en funcionamento da nova ambulancia de soporte vital avanzando con base neste centro hospitalario, o que mellora a atención das urxencias de máis de 75.000 veciños e veciñas.