O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mantivo un encontro de traballo coa alcaldesa de Lugo, Elena Candia, no que tamén participou a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, Amparo Pousada

A Xunta e o Concello de Lugo avanzan no proxecto do centro de saúde do Sagrado Corazón e na urbanización da parcela do antigo colexio

O conselleiro informou á alcaldesa da previsión de que as obras de reforma do centro de saúde da Milagrosa avancen a pleno rendemento tras afrontar a necesidade imprevista  de reforzo da estrutura 

Lugo, 2 de setembro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantiveron hoxe unha xuntanza na Casa do Concello na que avanzaron no proxecto do novo centro de saúde do Sagrado Corazón e de urbanización da parcela do antigo colexio, que conta cunha superficie de máis de 5.600 m2.

Na xuntanza, na que tamén participou a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, o conselleiro incidiu na firme vontade da Xunta de impulsar e axilizar este novo centro de saúde da rede sanitaria pública galega, posibilitando que a veciñanza poida contar, canto antes, cunhas instalacións amplas, modernas e accesibles.

Esta nova instalación, que terá unha superficie sanitaria de ao redor de 1.600 m2, suporá un investimento estimado próximo aos cinco millóns de euros e está previsto que conte con sete consultas de medicina familiar e comunitaria, outras sete de enfermería, área de pediatría, sala de toma de mostras, espazos para docencia, etc., posibilitando atender ao redor de 10.000 persoas.

Unha vez que o Concello formalice, nos vindeiros días, a adquisición dos terreos, procederase cos trámites para a súa posta á disposición do Servizo Galego de Saúde, que licitará, a continuación, a redacción do proxecto do novo centro.

Na xuntanza de hoxe, o conselleiro de Sanidade e a alcaldesa de Lugo analizaron o anteproxecto elaborado pola Xunta para determinar o mellor emprazamento do novo centro de saúde dentro da parcela, así como os accesos e as posibilidades de urbanización do resto da finca.

O conselleiro e a rexedora abordaron, tamén,  a situación das obras de reforma do centro de saúde da Milagrosa, nas que a Xunta inviste 3,2 millóns de euros para seguir avanzando na modernización da atención primaria da sanidade pública en Lugo. Está previsto que a obra acade neste mes de setembro o ritmo de pleno rendemento, logo de afrontar a necesidade imprevista de reforzar a estrutura do inmoble.

A reforma posibilitará dotar este centro da rede do Servizo Galego de Saúde de seis consultas de medicina familiar e comunitaria e outras seis de enfermería. Tamén terá  salas destinadas a docencia, á atención de urxencias e á toma de mostras, entre outras dependencias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2026