A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, deu hoxe conta da actuación
A Xunta somete a información pública o proxecto da senda de 1,2km entre Picón e Tanoira, en Meaño, na que prevé un investimento de máis de 720.000€
Habilitarase un itinerario continuo e separado do tráfico rodado na estrada PO-303, que contará con 2 metros de ancho na meirande parte do percorrido
A actuación, que se prevé cofinanciar con fondos FEDER, inclúe intervencións complementarias como a adaptación dunha parada de autobús, nova sinalización e instalación de mobiliario urbano, ademais de dous novos pasos de peóns
A conselleira enmarcou esta nova actuación no compromiso da Xunta pola mobilidade sostible, segura e saudable a través destes itinerarios de uso compartido entre peóns e ciclistas
Tras o anuncio hoxe no Diario Oficial de Galicia, o proxecto permanecerá a exposición pública ata o 16 de outubro e as persoas interesadas poderán presentar suxestións a partir de mañá venres 4
Meaño (Pontevedra), 3 de setembro de 2026
A Xunta somete a información pública o proxecto da senda peonil e ciclista de 1,2 quilómetros entre Picón e Tanoira, no concello de Meaño. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, deu conta hoxe desta actuación na estrada PO-303, na que se prevé un investimento de máis de 720.000€, susceptible de financiamento con fondos FEDER.
A conselleira enmarcou esta nova actuación no compromiso da Xunta pola mobilidade sostible, segura e saudable a través destes itinerarios de uso compartido entre peóns e ciclistas que a Xunta está a habilitar nas estradas autonómicas.
Allegue destacou que a senda permitirá habilitar neste treito de máis de un quilómetro, que discorre tamén polo núcleo de Pazos, un itinerario continuo e seguro para facilitar os desprazamentos a pé e en bicicleta nun tramo que ten unha intensidade media de tráfico de máis de 2.000 vehículos diarios, e no que ademais se sitúan vivendas unifamiliares, accesos desde a estrada e núcleos de poboación, de xeito que a veciñanza verase moi beneficiada coa actuación.
“Seguimos avanzando -destacou- nestes percorridos accesibles que son marca da nosa Galicia calidade, que convidan a pasear, facer deporte pero tamén descubrir a riqueza dos nosos concellos”.
Será unha senda de 2 metros de ancho na meirande parte do percorrido, que inclúe tamén actuacións complementarias como a adaptación da senda ás entradas das vivendas, a adaptación dunha parada de autobús, nova sinalización e instalación de mobiliario urbano. Ademais, prevense dous novos pasos de peóns para incrementar a seguridade, xa que incorporan elementos pensados para as persoas con dificultades visuais
Tras a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia, o proxecto permanecerá a exposición pública ata o 16 de outubro e as persoas interesadas poderán presentar suxestións a partir de mañá venres, 4 de setembro.
Unha vez que finalice este período de exposición pública, a conselleira indicou que se axilizará no posible a tramitación para poder licitar as obras este ano. Posteriormente, unha vez adxudicadas, o prazo de execución será de 12 meses.
A Xunta ten en marcha proxectos e obras de sendas na provincia pontevedresa por importe de preto de 24M€, en concellos como Pontevedra, Marín, Bueu, Moraña, Valga, Ponteareas, Mondariz, A Estrada, A Guarda, Moaña, O Porriño, Vigo ou Poio, onde tamén está en proxecto outra senda na PO-303 en Samieira.