Martina Aneiros salienta o valor do Camiño do Litoral para a preservación da costa e o impulso do turismo sostible
A delegada territorial en Ferrol, visitou esta mañá en Cabo Prior e na praia da Frouxeira (Valdoviño) dous dos paneis informativos que sinalan o percorrido da ruta
O Camiño conta con case 1.400 quilómetros de percorrido divididos en 52 etapas, 10 das cales pasan polas comarcas de Ferrolterra e Ortegal
Está dispoñible para a súa descarga a aplicación móbil Camiño do Litoral, con información das etapas, dos establecementos turísticos ou dos elementos de interese cultural que hai na contorna
Ferrol, 3 de setembro de 2026
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto a directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, visitou hoxe en Cabo Prior e na praia da Frouxeira (Valdoviño) dous dos paneis informativos do recentemente estreado Camiño do Litoral, unha ruta que, como indicou Aneiros, “chega para contribuír á preservación da costa galega e sumar un novo atractivo de turismo activo á nosa comunidade”.
Este Camiño une todo o litoral galego, desde Ribadeo ata A Guarda e pode percorrerse a pé ou en bicicleta. Supón case 1.400 quilómetros de trazado, divididos en 52 etapas, a través de 78 concellos. A delegada territorial destacou que 10 destas etapas pasan polas comarcas de Ferrolterra e Ortegal, cruzando as costas de Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Ferrol, Mugardos e Ares.
A representante autonómica destacou que este proxecto “conta ademais cunha gran accesibilidade á información sobre a contorna”. Desta forma, os paneis informativos distribuídos por todo o trazado contan cun código QR para que o usuario poida obter máis datos sobre unha zona concreta ou a ruta en xeral. Ademais, a cidadanía ten ao seu dispor a aplicación móbil Camiño do Litoral onde está dispoñible información das etapas, dos establecementos turísticos ou dos elementos de interese cultural que hai na contorna.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático investiu máis de 1,3 M€ para a posta en marcha desta ruta fortemente ligada ao mar. “Somos a comunidade autónoma con máis liña de costa de España e achegamos o 50% dos empregos no sector do mar a nivel estatal, polo que é natural que esta nova ruta naza ao seu carón”, salientou a delegada, que concluíu lembrando que o itinerario tamén busca dinamizar economicamente os municipios costeiros promovendo un turismo sostible e de calidade.