A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou esta mañá as instalacións de Anfaco-Cytma en Vigo

A Xunta destaca a importancia do compromiso ambiental da cadea mar-industria para garantir o coidado e o progreso da costa galega

Ángeles Vázquez salienta o traballo no eido da economía circular e da produción sostible que realiza Anfaco, que aglutina e representa a máis de 250 empresas do sector e aposta por un modelo industrial innovador e eficiente no uso dos recursos

Pon como exemplo deste labor un dos proxectos que desenvolve a entidade para crear unha bolsa de subprodutos en Galicia que conecte empresas con recursos sobrantes ou residuos con outras firmas que poidan reutilizalos como materias primas

Lembra que o tecido empresarial ten á súa disposición a Oficina de Economía Circular Industrial, que ofrece asesoramento especializado e apoio para o cambio de modelo

Vigo, 3 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia destaca a importancia do compromiso ambiental das empresas da cadea mar-industria (un sector que representa o 5% do PIB autonómico e dá emprego a máis de 25.000 persoas) para garantir o coidado e o progreso socioeconómico da costa galega.

Durante unha visita ás instalacións en Vigo de Anfaco-Cytma, entidade de referencia en Galicia no eido da investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento ao complexo mar-industria e que agrupa a máis de 250 empresas, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou, precisamente, o traballo que realiza esta asociación para avanzar en materia de economía circular e dos procesos de produción sostible aplicados aos distintos elos dun sector que, tal e como recoñeceu, necesita seguridade xurídica e un marco normativo estable para operar na costa.

Tras destacar a aposta de Anfaco-Cytma por un modelo industrial innovador e eficiente no uso dos recursos naturais, a responsable autonómica puxo como exemplo un dos proxectos que está a desenvolver na actualidade e que encaixa especialmente co principal reto marcado pola Xunta nesta materia: retrasar que as materias primas se convertan en residuos a través de fórmulas que permitan que regresen ao ciclo produtivo.

Baixo a denominación SIMBlue, o obxectivo desta iniciativa —na que participa Anfaco-Cytma e baseada na simbiose industrial e na aplicación da intelixencia artificial— é crear unha bolsa de subprodutos en Galicia que conecte empresas da cadea mar-industria con recursos e materiais sobrantes ou mesmo residuos xerados no marco da súa actividade, con outras firmas que poidan reutilizalos como materias primas dentro dos seus propios procesos produtivos.

Neste sentido, a conselleira incidiu en que a filosofía deste proxecto conecta directamente cos obxectivos das políticas impulsadas desde o seu departamento en materia de economía circular e demostra, ademais, que se poden traducir en solucións concretas e rendibles aplicadas á industria.

Por iso, apostou por seguir avanzando na colaboración entre administración pública e sector privado en materia de economía circular, unha vía na que destacou tamén a implicación demostrada pola entidade, que, recordou, estivo presente nunha das mesas de expertos organizada pola Xunta e que este mesmo verán recibiu na súa sede a visita dos representantes da Oficina de Economía Circular Industrial.

De feito, Ángeles Vázquez lembrou que o tecido empresarial galego ten á súa disposición esta Oficina desde maio do ano pasado e que poden acudir a ela en busca de asesoramento especializado e apoio e acompañamento técnico para avanzar na transición cara a modelos produtivos sostibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2026