Belén do Campo destaca o investimento de preto de 650.000 € nos últimos anos para poñer en valor o campamento romano de Ciadella en Sobrado

A delegada da Xunta participou na visita guiada tras rematar unha nova actuación de limpeza e mantemento deste enclave arqueolóxico que contou cun investimento de preto de 17.000 euros

Sobrado (A Coruña), 5 de setembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez,  participou hoxe na visita guiada ao campamento romano da Ciadella, en Sobrado, organizada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con motivo da finalización dos últimos traballos de conservación e mantemento realizados no xacemento. A Ciadella constitúe un dos dous fortes militares romanos máis importantes que se conservan actualmente en Galicia.

Durante a visita, a representante autonómica destacou o compromiso da Xunta coa protección deste enclave arqueolóxico e salientou o investimento continuado que permitiu avanzar nos últimos anos na súa investigación, conservación e posta en valor.

“A Ciadella é unha peza fundamental para comprender a presenza romana en Galicia e, como tal, temos a responsabilidade de conservala e de facela cada vez máis accesible á cidadanía. O traballo da Xunta non se limita ás grandes campañas arqueolóxicas: tamén implica actuar ano tras ano sobre o xacemento para garantir a súa conservación e que poida ser visitado en condicións axeitadas”, afirmou a delegada.

Última intervención

A última intervención, promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, desenvolveuse durante os meses de xullo e agosto e contou cun investimento de case 17.000 euros. Os traballos permitiron actuar sobre aproximadamente 26.000 metros cadrados, correspondentes aos terreos do xacemento que son propiedade da Xunta de Galicia.

A actuación centrouse especialmente na limpeza e roza da vexetación, pero tamén incluíu labores específicos de conservación das estruturas arqueolóxicas e de acondicionamento dos espazos destinados á visita.

Nas zonas do campamento aínda sen escavar empregáronse medios mecánicos pesados, mentres que nas áreas próximas á muralla, nos límites da parcela e nos espazos escavados con cobertura de terra e herba utilizáronse medios lixeiros.

Nas zonas arqueolóxicas escavadas, os traballos realizáronse de maneira manual para garantir a protección dos restos. Actuouse directamente sobre os pavimentos de xabre e grava e sobre os muros, retirando a vexetación desde a raíz ou mediante corte manual para evitar danos nas estruturas. Os traballos incluíron tamén o rastrillado dos pavimentos e a reposición de áridos nas zonas con lagoas, a poda puntual de árbores, a retirada de residuos e o mantemento das entradas, o valado perimetral e os elementos de sinalización. Tamén se acondicionaron tanto o exterior como o interior da aula interpretativa, reforzando así as condicións de uso e visita deste recurso cultural.

Investimento total

Esta actuación dá continuidade ao conxunto de intervencións que a Xunta vén desenvolvendo na Ciadella durante os últimos anos. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural promoveu varias campañas arqueolóxicas que permitiron consolidar e acondicionar estruturas descubertas en intervencións anteriores, realizar novas escavacións e avanzar no coñecemento e documentación do campamento. No seu conxunto, estas intervencións supuxeron un investimento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude próximo aos 650.000 euros.

Este investimento permitiu mellorar substancialmente o estado de conservación do enclave e avanzar na súa conversión nun recurso cultural e turístico visitable, con acceso libre, sinalización e paneis interpretativos dotados de códigos QR para facilitar a visita autoguiada, ademais da aula interpretativa. A Xunta mantén, paralelamente, unha política de mantemento periódico do xacemento, coa realización anual de traballos de limpeza e roza para evitar a proliferación da vexetación e garantir a conservación das estruturas arqueolóxicas.

Un novo paso na protección patrimonial

A protección da Ciadella deu este ano un paso máis coa incoación do procedemento para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), mediante resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 8 de xuño de 2026.

Para a delegada, este procedemento “é o recoñecemento do extraordinario valor histórico e arqueolóxico que ten a Ciadella e unha garantía para seguir avanzando na súa protección, investigación e divulgación”.

A actuación na Ciadella forma parte do Plan de actuacións arqueolóxicas da Xunta para 2026, dotado con case 685.000 euros para 38 intervencións en toda Galicia. Na provincia da Coruña están previstas nove actuacións, cun orzamento global de case 178.000 euros.

Data de actualización: 05/09/2026