O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participou na colocación da estatua da Virxe de Guadalupe de Francisco Asorey, que fora retirada en 2005
López Campos pon en valor “a recuperación dunha escultura que é todo un símbolo para Rianxo”
Destaca a importancia de que “a paisaxe urbana galega conte cunha nova peza dun dos nosos artistas máis destacados, contribuíndo á riqueza cultural”
Lembra a colaboración da Xunta coa restauración desta obra e a súa “implicación en xeral coa divulgación do legado de Asorey” en referencia á recente chegada a Galicia de ‘A Santa’
Rianxo (A Coruña), 5 de setembro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor hoxe “a recuperación dunha escultura que é todo un símbolo para Rianxo” durante o acto de colocación da estatua da Virxe da Guadalupe, obra de Francisco Asorey, que volve ao municipio despois de dúas décadas da súa retirada e tras ser restaurada coa colaboración da Xunta de Galicia.
Neste senso, o responsable de Cultura do Goberno galego destacou a importancia de que “a paisaxe urbana conte cunha nova peza dun referente como é Asorey e que se suma a outras obras da súa autoría estendidas por todo o territorio, contribuíndo así á nosa riqueza cultural”. Ademais, lembrou “a implicación en xeral da Xunta coa divulgación do legado” do escultor cambadés, un dos máis destacados do século XX, como demostra, dixo, “a recente recuperación para o patrimonio público galego da emblemática A Santa, que trouxemos á nosa terra desde Montevideo”.
Así, López Campos tamén felicitou a veciñanza rianxeira “porque vai poder desfrutar con orgullo dunha representación moi especial da súa identidade como é esta imaxe da Guadalupe, moi vencellada a Castelao e á cultura mariñeira” que, puntualizou, “loce con todo o seu esplendor tras a intervención” no seu pedestal mirando cara a praia de Tanxil . A este respecto puxo en valor que os traballos realizados sobre ela deixan ver os motivos decorativos creados con azulexos vidrados con formas florais e xeométricas.
Un encargo da familia Baltar
A peza exposta agora na praia de Tanxil fora encargada polo cirurxián Ángel Baltar Cortés en 1929 a Francisco Asorey, quen a esculpiu en granito con tres toneladas de peso e formada por dous corpos, un de 1,75 metros e outro de 1,15 metros. A obra colocouse en 1932 sobre un pedestal no alto do cantil de Tanxil, nun terreo propiedade da familia, que a retirou do lugar no 2005.