A Xunta inviste 450.000 euros no taller de emprego de Viveiro, centrado na mellora de espazos públicos e na creación dun parque canino na Xunqueira

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, destaca que os obradoiros duais permiten promover obras e servizos nos concellos, ao tempo que fomentan o emprego a nivel local

Viveiro (Lugo), 4 de setembro de 2026

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste 454.500 euros no obradoiro dual de emprego Viveiro mantén, que ata marzo do vindeiro ano traballará na mellora de diferentes espazos públicos do municipio e na creación do parque canino da Xunqueira. A actividade está promovida polo Concello e financiada pola Xunta.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, comprobou as actuacións en marcha acompañado da alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde. O taller ofrece 20 prazas repartidas en dúas especialidades, unha delas relacionada coa xardinería e a outra coa pintura industrial en construción.

As actuacións centraranse no mantemento e acondicionamento dos xardíns Noriega Varela e Lavandeiras (Celeiro), a zona verde e deportiva de Lodeiro e a contorna da praza de Lugo. En canto aos traballos de pintura, aplicaranse en exteriores das escolas de Faro, Magazos, San Pedro e Xunqueira; e en espazos interiores das escolas de Calvoso e Vieiro.

Villares destacou que estes programas permiten realizar obras e servizos en beneficio dos municipios que os acollen, ao tempo que melloran os perfís profesionais das persoas desempregadas.

Así, durante nove meses o alumnado realiza un traballo remunerado e recibe formación teórica e práctica en sectores con boa saída laboral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2026