María José Gómez salienta o papel da Estratexia da Horta de Galicia para impulsar o valor das froitas e verduras galegas
A conselleira do Medio Rural participou hoxe na inauguración da XLIV Feira da Cebola de Sanxenxo, que contou cunha entrega de premios e os recoñecementos das Cebolas de Ouro
Explicou que a nosa comunidade conta con esta estratexia para apoiar ás persoas produtoras, mellorar a comercialización e gañar en profesionalización
Este plan estratéxico ten vixencia ata 2030 e ten por obxectivo principal impulsar o crecemento sostible e competitivo do sector hortícola galego, promovendo a calidade, a sustentabilidade e a innovación
Sanxenxo (Pontevedra), 4 de setembro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe o papel da Estratexia da Horta de Galicia para impulsar o valor das froitas e verduras galegas. Fíxoo durante o acto inaugural da XLIV Feira da Cebola de Sanxenxo, que se celebra hoxe na localidade pontevedresa.
Durante a súa intervención, a conselleira resaltou a importancia de que a horta sexa unha actividade con futuro, que resulte atractiva para quen queira incorporar ao agro e que permita vivir da terra. Neste sentido, lembrou que a nosa comunidade conta con esta estratexia para apoiar ás persoas produtoras, mellorar a comercialización, gañar en profesionalización e, en definitiva, para que os produtos teñan cada vez máis valor.
A Estratexia da Horta de Galicia ten vixencia ata o ano 2030 e ten por obxectivo principal impulsar o crecemento sostible e competitivo do sector hortícola galego, promovendo a calidade, a sustentabilidade e a innovación en toda a cadea de valor.
XLIV Feira da Cebola
A inauguración da XLIV Feira da Cebola contou coa entrega de diferentes premios, así como dos recoñecementos das Cebolas de Ouro que foron entregadas pola conselleira do Medio Rural e polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a Sandra Patiño e a María Jesús Bermúdez.
Gómez trasladou os seus parabéns a todos ás persoas premiadas e participantes, así como ás recoñecidas coas Cebolas de Ouro desta edición. A maiores, tamén trasladou o seu agradecemento á organización que fai posible esta feira, na que se pon en valor un produto que é exemplo da calidade da horta galega.