A Xunta potencia o labor do centro comercial aberto Vigo Centro co seu apoio á iniciativa Pasarela Stock enfocada á dinamización do comercio local

Vigo, 5 de setembro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe Pasarela Stock, que se celebra desde onte e ata mañá na rúa Policarpo Sanz e organiza Vigo Centro co apoio da Xunta. Alí puxo de relevo o labor dos centros comerciais abertos como Vigo Centro no fortalecemento dos negocios locais así como na dinamización socioeconómica das vilas e cidades. Ademais, destacou as axudas autonómicas á actividade destas entidades coas que na convocatoria deste ano se apoiaron un total de 56 entidades de toda Galicia cun valor total de axuda de 2,35 M€, 24 delas da provincia de Pontevedra.

No caso do mercado organizado por Vigo Centro, Gabriel Alén puxo de relevo as oportunidades que ofrece esta iniciativa na que os asistentes poderán atopar entre as 11,00 e as 21,00 horas descontos en moda, lencería, calzado e outros produtos dos comercios da zona. Ademais, a iniciativa inclúe música en directo e un desfile no que se presentará un avance das coleccións de outono-inverno dos diferentes comercios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2026