A Xunta apoia con 33.700 euros as obras de mellora da accesibilidade dos vestiarios da piscina de Lieiro, en Cervo
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explica que a Dirección Xeral de Administración Local destina este ano 84.000 euros a financiar tres proxectos de acondicionamento de instalacións municipais
Ao abeiro destas achegas, o Goberno galego tamén colabora coa reforma da iluminación pública na avenida da Mariña; e coa rehabilitación dunha pista entre Pedrosa e Viladesuso
Cervo (Lugo), 7 de setembro de 2026
A Xunta destina 84.000 euros en 2026 a apoiar tres proxectos de mellora de infraestruturas municipais en Cervo, a través das ordes anuais de axudas a concellos convocadas pola Dirección Xeral de Administración Local.
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, xunto coa alcaldesa, Dolores García, visitou a piscina municipal de Lieiro, onde o Concello acaba de realizar obras de mellora da accesibilidade dos vestiarios.
Villares explicou que o Goberno galego inviste 33.700 euros nesta actuación con cargo á convocatoria de axudas para acondicionar instalacións públicas. A finalidade é garantir que o espazo deportivo sexa accesible e funcional para todas as persoas usuarias.
Por outra banda, a Xunta achega 27.700 euros da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) a reformar o sistema de iluminación pública na avenida da Mariña – en proceso de licitación -; e 22.600 euros da liña non competitiva a apoiar a rehabilitación da pista entre Pedrosa e Viladesuso. Nesta última intervención, actualmente en marcha, o financiamento do Goberno galego vai dirixido a renovar as redes de saneamento, abastecemento e pavimento dun treito da vía.
Villares puxo en valor a cooperación entre administracións para potenciar servizos e infraestruturas na provincia de Lugo. Destacou que o Goberno galego destinou o ano pasado máis de 6,1 M€ a colaborar cos concellos lucenses na mellora de instalacións municipais a través das principais liñas de subvencións da Dirección Xeral de Administración Local.