O Consello declara de interese autonómico o proxecto de ordenación da contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, salienta que o obxectivo é “dispoñer canto antes” dos terreos necesarios para a ampliación e renovación do hospital, incluíndo as actuacións de urbanización, accesos e mobilidade
A Xunta avanza na elaboración do proxecto de interese autonómico que reordenará o ámbito da contorna do complexo hospitalario co fin de que estea listo a finais deste ano ou a principios de 2027
Entre as actuacións previstas está a mellora dos accesos viarios, a humanización da contorna do hospital e a construción dun aparcadoiro de 1.500 prazas
Calvo lembra que o hospital da servizo “ a 425.000 veciños de 46 concellos” e é referente autonómico en determinadas áreas
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2026
O Consello da Xunta aprobou hoxe, na súa reunión semanal, o acordo polo que se declara proxecto de interese autonómico (PIA) a ordenación da contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), para os efectos previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, determinando como órgano competente por razón da materia a Consellería de Sanidade. “Deste xeito, a Xunta poderá dispoñer canto antes dos terreos necesarios para mellorar os accesos e a mobilidade no futuro hospital”, indicou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
Este proxecto reúne as condicións esixidas para a súa declaración como de interese autonómico, ao concorrer tanto o requisito de transcendencia supramunicipal como o da súa función vertebradora e estruturante do territorio.
Calvo lembrou que o CHUS constitúe un centro sanitario estratéxico de referencia que presta asistencia especializada á Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, é dicir, da servizo “a 425.000 veciños de 46 concellos”. Ademais, este complexo hospitalario universitario desenvolve funcións de referencia autonómica en determinados ámbitos de alta especialización sanitaria, docente, investigadora e tecnolóxica, transcendendo amplamente o ámbito municipal e comarcal.
Este proxecto responde á planificación do sistema público de saúde de Galicia e contribúe á adaptación das infraestruturas sanitarias ás necesidades derivadas da evolución demográfica e do envellecemento da poboación. Xunto ao anterior, reforza a cohesión territorial e a calidade asistencial mediante a modernización dun centro estratéxico para Galicia.
Intervención integral
O obxecto do proxecto de interese autonómico é ordenar o solo para que o Executivo galego poida dispoñer dos terreos necesarios para acometer as obras precisas de urbanización, ampliación e renovación do actual complexo hospitalario universitario da capital de Galicia, incluíndo as actuacións sobre os accesos, a mobilidade e as infraestruturas asociadas ao ámbito sanitario.
O proxecto de interese autonómico que reordenará o ámbito da contorna deste centro da rede sanitaria pública galega para ampliar as zonas de aparcadoiro, mellorar o sistema viario de accesos, así como a mobilidade interna, está en fase de elaboración pola empresa adxudicataria Proyfe, coa fin de que estea listo a finais deste ano ou a principios de 2027.
A proposta de ordenación prevé unha intervención integral para mellorar a funcionalidade, a accesibilidade e a integración paisaxística do complexo hospitalario.
Calvo explicou que, entre as actuacións previstas, destacan a reordenación dos accesos e da rede viaria mediante unha circulación perimetral que diferencie os distintos tipos de tráfico, a creación de aparcadoiros perimetrais conectados por itinerarios peonís accesibles, a redución da circulación e do estacionamento no interior do recinto hospitalario, e a humanización dos espazos libres mediante zonas verdes, arboredo e áreas peonís.
Destaca, así mesmo, a creación dunha praza pública de acceso entre o Clínico, o Hospital Gil Casares e o Centro de Protonterapia. Trátase, polo tanto, duna actuación que ordena o territorio e que afecta un piar da política autonómica, como é a sanidade.
Aproveitando a oportunidade estratéxica que supón o proxecto de interese autonómico, a Consellería de Sanidade planifica con máis ambición o futuro do hospital priorizando a necesidade máis premente, que é a ampliación das urxencias, ademais de apostar por un crecemento máis ordenado do hospital a curto, medio e longo prazo, desde o punto de vista dos fluxos e das comunicacións, tanto para pacientes como para profesionais.
No marco desta ordenación e mellora da accesibilidade do CHUS, a Xunta construirá un novo aparcadoiro de 1.500 prazas.
Ademais, nestes momentos estanse a ultimar os traballos do Edificio C do Complexo Hospitalario, coa fin de que poida entrar en funcionamento antes de que remate o ano.
Polo que respecta ao Centro de Protonterapia de Galicia, tamén na contorna do Clínico, está previsto que a finais deste ano e principios do vindeiro poida estar tratando xa os primeiros pacientes.