A Xunta aproba o Plan estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2026-2030 que incrementa preto dun 50 % os profesionais e acada un investimento de 177 M€
O conselleiro de Presidencia salienta que este orzamento “duplica con creces” o do Plan anterior e busca avanzar “cara un modelo asistencial máis accesible e coordinado”
O titular de Sanidade lembra que a saúde mental “é unha materia estratéxica e prioritaria” para a Xunta
O Executivo galego reforzará a rede sanitaria pública con 357 novos especialistas
Incorporaranse máis de 120 facultativos especialistas de psiquiatría e psicoloxía clínica e máis dun cento de profesionais de enfermaría especialistas en saúde mental
Potenciarase a asistencia en atención primaria coa ampliación da rede de psicólogos clínicos ata chegar a 50 profesionais ao remate do plan
Entre as medidas destaca a ampliación progresiva da idade de atención en saúde mental infanto-xuvenil ata os 18 anos ou implantar máis programas de hospitalización a domicilio
Haberá programas e unidades monográficas de prevención do suicidio, a esquizofrenia ou o trastorno límite da personalidade
Caamaño anuncia unha unidade de referencia para atender trastornos da conduta alimentaria no sur de Galicia
Resérvanse 12 M€ para obras e novos equipamentos nesta área
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2026
O Consello da Xunta aprobou hoxe o novo Plan estratéxico de saúde mental de Galicia 2026-2030, que incrementará case nun 50 % o persoal sanitario especializado respecto ao anterior Plan, reforzando a rede sanitaria pública con 357 novos profesionais en saúde mental. “Contará cun orzamento de 177 millóns de euros, o que duplica con creces o anterior”, indicou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
Con este plan, o Goberno galego continuará a mellorar o acceso da cidadanía aos recursos de saúde mental, cun importante aumento de recursos e de persoal, tanto no ámbito da atención primaria como da hospitalaria. Isto contribuirá a unha atención máis eficiente desde fases iniciais ata idades avanzadas, garantindo a priorización da atención a persoas con trastornos mentais graves. “Traballamos para reforzar o benestar psicosocial da poboación e queremos avanzar cara un modelo asistencial máis accesible e coordinado”, indicou Calvo.
Con respecto aos recursos humanos, incorporaranse 124 facultativos especialistas de psiquiatría e psicoloxía clínica, dos que 22 deles se incorporarán de xeito progresivo á Rede de psicoloxía clínica de atención primaria ata o ano 2030, ata completar un equipo de 50 profesionais.
Cos primeiros 21 novos psicólogos clínicos contratados este mesmo ano, o Servizo Galego de Saúde puxo en marcha unha rede de psicoloxía clínica en atención primaria composta por 28 facultativos.
Esta rede ofrece intervencións individuais e grupais nos centros de saúde de referencia para facer fronte de forma precoz a trastornos de ansiedade e trastornos depresivos leves e moderados así como a trastornos adaptativos ou situacións de malestar emocional clinicamente significativo.
Xunto con eles, o sistema sanitario público verá reforzados os seus cadros de persoal con 233 novos profesionais de diversas categorías no ámbito da saúde mental. Nesta liña está prevista a incorporación de 101 novos profesionais de enfermaría especialistas en saúde mental, 68 técnicos en coidados auxiliares de enfermaría, 29 traballadores sociais, 21 terapeutas ocupacionais e 14 auxiliares administrativos.
Deste modo, a Xunta aumentará en case un 50 % o número de novos profesionais con respecto ao plan de saúde mental anterior, de 2020 a 2024, no cal se crearon 241 prazas. O custo acumulado en persoal de nova incorporación durante o plan 2026-2030 acadará os 52,7 millóns de euros.
Liñas de actuación
Tal e como explicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Camaaño, o plan estrutúrase en seis liñas estratéxicas para favorecer o seu desenvolvemento, que se apoian en catro eixes transversais, que guían todas as accións do plan: humanización, sensibilización e loita contra o estigma; coordinación asistencial, optimización e recursos e sistemas de información; xestión do coñecemento, investigación e innovación; e resultados en saúde e indicadores.
Concretamente, as seis liñas estratéxicas céntranse en: trastorno mental grave, saúde mental na infancia e na adolescencia, saúde mental en idades avanzadas, trastorno mental común, programas e unidades monográficas, e trastornos adictivos e condutas relacionadas, con accións específicas orientadas aos colectivos de maior vulnerabilidade e tamén a aquelas patoloxías que presentan unha maior prevalencia na comunidade.
En canto á primeira liña de traballo, referida ao trastorno mental grave, céntrase en tratar os trastornos psicóticos ou os trastornos afectivos graves, que representan unha das principais causas de discapacidade e dependencia na poboación. Trátase, neste caso, de mellorar a calidade da atención, a efectividade clínica e a seguridade integral dos pacientes con esta patoloxía. Para iso, unha das medidas de maior relevancia será estender as unidades de rehabilitación psiquiátrica hospitalaria a todas as áreas sanitarias. Ademais, afondarase na transformación do modelo asistencial actual, co obxectivo de potenciar a contorna comunitaria e a proximidade dos pacientes que sofren trastorno mental grave. Así, buscarase mellorar a integración sociolaboral destes pacientes e evitar o seu illamento, apostando por un modelo de coidados baseados na hospitalización a domicilio e a posta en marcha de programas de atención intensiva. Neste marco, estenderase a hospitalización a domicilio (HADO), incrementarase o número de equipos de continuidade dos coidados e o número de prazas centros de rehabilitación psicosocial e laboral.
O novo plan do Servizo Galego de Saúde prestará especial atención a factores demográficos, como pode ser a idade, incorporando medidas vinculadas ás necesidades asistenciais que presenta cada segmento de poboación. Así, a segunda liña estratéxica abordará os coidados da saúde mental na infancia e na adolescencia, reforzando a detección temperá de condutas de risco e optimizando a coordinación entre os ámbitos educativo, social e comunitario. Entre as medidas previstas destaca, a ampliación, de xeito progresivo, da idade de atención á saúde mental infanto-xuvenil ata os 18 anos, incorporando unha carteira de servizos común en todas as áreas sanitarias, así como o deseño de programas de transición á vida adulta, para adolescentes con alta complexidade clínica. Tamén se impulsarán programas de hospitalización a domicilio en saúde mental infanto-xuvenil, como alternativa terapéutica flexible á hospitalización convencional e centrada na contorna familiar. Está previsto incrementar as camas de hospitalización infanto-xuvenil actualmente existentes en Galicia, coa apertura de novas unidades.
O plan tamén porá o foco na atención á saúde mental en idades avanzadas, promovendo actividades de apoio ás persoas maiores e tamén con accións que contribúan a evitar a soidade non desexada, conscientes de que o envellecemento da poboación supón un reto prioritario. Para iso articularanse diferentes programas específicos de psicoxeriatría en todas as áreas sanitarias, para mellorar a detección, o manexo clínico e a coordinación sociosanitaria dos trastornos mentais das persoas maiores e desenvolveranse actuacións destinadas á rehabilitación cognitiva, dentro das unidades de psicoxeriatría, que terán unha carteira de servizos común.
A cuarta das liñas estratéxicas do Plan de saúde mental de Galicia 2026-2030, centrada no trastorno mental común, principalmente a depresión e os trastornos de ansiedade leves ou moderados e os trastornos adaptativos. Representan uns dos motivos máis frecuentes de consulta nos centros de saúde, así como unha das principais causas de incapacidade laboral. Fortalecerase a capacidade diagnóstica e resolutiva dos profesionais de atención primaria na abordaxe dos trastornos mentais comúns, con programas formativos, e consolidarase a rede de atención psicolóxica en atención primaria cun modelo organizativo común que actúe como filtro efectivo e homoxeneizarase a atención nas unidades de saúde mental das distintas áreas sanitarias, evitando a cronificación dos trastornos mentais comúns. Estas accións permitirán priorizar as intervencións psicolóxicas fronte ao uso excesivo de psicofármacos na atención ao trastorno mental común.
Os programas e unidades monográficas constitúen a quinta liña estratéxica do plan, coñecedores de que algúns trastornos mentais requiren da posta en marcha de programas ou unidades que atendan especificamente trastornos cunha elevada complexidade e gravidade, entre as que destacan a conduta suicida, a depresión resistente, o trastorno límite da personalidade ou outras como a patoloxía grave e refractaria. A este respecto o plan busca expandir a carteira de programas monográficos en todas as áreas sanitarias, con circuítos e tempos de resposta definidos. Para iso constituiranse grupos de traballo multidisciplinares para a elaboración de protocolos e procedementos comúns. Destaca, neste apartado, a creación dunha segunda unidade para os trastornos da conduta alimentaria de referencia para casos de alta complexidade para o sur de Galicia, coa extensión de programas a todas as áreas sanitarias.
Os trastornos adictivos e condutas relacionadas completan as seis liñas estratéxicas que conforman o plan. Trátase, neste caso, de avanzar cara a un modelo máis integrado no que atinxe á atención das adiccións, optimizando e homoxeneizando os coidados dos pacientes con este tipo de trastornos. Neste marco crearase un grupo de traballo multidisciplinar de adiccións (con diferentes perfís profesionais), que se encargará da elaboración de documentos estratéxicos e circuítos asistenciais, unha vez que se integren no Servizo Galego de Saúde as unidades de condutas adictivas municipais.
Investimento en obras e actuacións concretas
Co incremento de persoal e un investimento previsto de 12 millóns de euros en obras, o departamento sanitario autonómico poderá ofrecer unha asistencia máis accesible e adaptada ás necesidades dos usuarios.
En concreto, prevese a construción, ampliación e adecuación de distintos dispositivos asistenciais. Tamén está previsto estender a todas as áreas sanitarias as unidades de rehabilitación psiquiátrica, ampliar os programas de hospitalización a domicilio no ámbito da saúde mental e tamén de equipos de continuidade de coidados de orientación comunitaria.
O conselleiro de Sanidade anunciou tamén a” creación dunha segunda unidade de referencia para os trastornos da conduta alimentaria de alta complexidade no sur de Galicia”.
Inclusión social
As medidas recollidas no Plan estratéxico de saúde mental 2026-2030 inclúen un incremento ata os 27.500.000 euros nas partidas destinadas a prazas de residencias especializadas e a pisos para pacientes de saúde mental, que contribúen a unha vida o máis independente posible.
Para reforzar a atención comunitaria no ámbito das adiccións, destinaranse preto de 50 millóns de euros aos convenios de colaboración que o Servizo Galego de Saúde mantén con entidades para o desenvolvemento de programas de apoio á asistencia, rehabilitación e incorporación social das persoas con trastornos adictivos. Nesta contía inclúense tamén os convenios para a atención xurídico-social a persoas con adiccións e o financiamento derivado da integración na sanidade pública, desde este ano, do persoal das 13 unidades municipais de atención ás drogodependencias.
Así mesmo, prevese unha dotación de 8.000.000 euros para as convocatorias anuais de subvencións, para entidades sen ánimo de lucro, destinadas ao financiamento de programas de atención sociosanitaria, rehabilitación psicosocial, apoio á inclusión social e laboral, promoción da autonomía persoal e apoio ás familias.
Adicionalmente, manteranse outros convenios estratéxicos, cun importe global de 1.050.000 euros, como son o Programa de atención integral ao médico enfermo (Paime), desenvolvido en colaboración co Consello Galego de Colexios Médicos, e o convenio que o departamento sanitario mantén coa Asociación de pais e nais de nenos e nenas con problemas psicosociais (Aspaneps).
Co dobre obxectivo de contribuír á inclusión social e laboral de pacientes con trastorno mental grave, a Consellería de Sanidade, en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, seguirá a financiar prazas para que usuarios de centros de rehabilitación sexan guiados cara a itinerarios formativos co obxectivo de promover a adquisición dun emprego remunerado.
No ámbito da prevención, a Xunta manterá o programa YAM de promoción da saúde mental entre o alumnado de educación secundaria. O Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional colaboran para realizar intervencións na aula, das que xa se beneficiaron máis de 15.600 estudantes.
As sesións dirixidas ao alumnado de 3º da ESO, que seguen unha metodoloxía avaliada pola evidencia científica e deseñada polo Instituto Karolinska de Suecia, foron premiadas pola Unidade Administradora do Fondo Social Europeo, dependente do Ministerio de Traballo e Economía Social, como actuación máis destacada no ámbito da innovación social.
Estes dous últimos proxectos, por 26.162.952,03 euros, están cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.
No seu conxunto, as distintas liñas de actuación do novo Plan estratéxico de saúde mental de Galicia 2026-2030 superarán os 177 millóns de euros, polo que a Xunta máis que duplicará o seu investimento neste ámbito con respecto ao Plan de saúde mental de Galicia poscovid-19 período 2020- 2024.
Modelo asistencial máis accesible, coordinado e centrado nas persoas
O Plan estratéxico de saúde mental de Galicia 2026-2030 explicita o compromiso da Xunta cun dobre propósito: reforzar o benestar psicosocial da poboación e reducir o impacto dos trastornos mentais mediante medidas integrais que aborden a prevención, detección e intervención temperás, a continuidade dos coidados, a recuperación e inclusión comunitaria.
Este compromiso concrétase na consolidación das medidas recollidas no anterior plan que amosaron a súa efectividade, reforzando agora a coordinación entre a atención primaria e hospitalaria, fortalecendo os circuítos asistenciais e implementando mecanismos de coordinación entre os sistemas sanitario, social, educativo e comunitario, co fin de promover intervencións oportunas, adecuadas e aliñadas coas necesidades de cada persoa e a súa contorna.
Procura unha atención orientada cara a un modelo comunitario, inclusivo e baseado en dereitos, favorecendo a recuperación, a autonomía persoal e a plena participación social co obxectivo último de dar resposta ao incremento sostido da demanda asistencial no eido da saúde mental, tendo en conta as singularidades demográficas, xeográficas e sociais da poboación galega.
O obxectivo último da Xunta é, segundo explicou Camaaño, “consolidar en Galicia un sistema de saúde mental accesible, humanizado e innovador”, que combine a excelencia clínica coa atención comunitaria, incorporando a voz de pacientes e familiares e coordinado tamén cos ámbitos social e educativo. “A saúde mental é unha materia estratéxica e prioritaria para a Xunta”, indicou.
O documento elaborouse de modo participativo e multidisciplinar e está aliñado co Plan de acción de saúde mental do sistema nacional de saúde, co Plan de acción de prevención do suicidio e coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde.