O conselleiro de Sanidade presentou esta mañá o Plan acompañado do director xeral de Integración e Innovación Asistencial e dos responsables da Subdirección de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde
Gómez Caamaño destaca o incremento de recursos humanos do Plan de Saúde Mental 2026-2030, que incorporará 100 novos profesionais xa o vindeiro ano
Incide en que o plan supón un salto importante en canto a investimento, ao contar cun orzamento de máis de 177 M€, máis do dobre que o anterior
Subliña que entre os novos profesionais están 124 facultativos especialistas de psiquiatría e psicoloxía clínica
Destaca o avance cara a unha maior equidade territorial no acceso á atención á saúde mental, o reforzo da hospitalización a domicilio, ademais dunha maior especialización en diversas áreas como a infancia e a adolescencia, as idades avanzadas ou na prevención da conduta suicida
No marco do Plan, a Xunta destinará 12 M€ a obras e equipamentos para crear, ampliar ou renovar dispositivos asistenciais nas sete áreas sanitarias
Recoñece e agradece o traballo e o compromiso de todos os profesionais que participaron na elaboración do Plan, que será presentado nas vindeiras semanas aos profesionais do Sergas e no Parlamento
A subdirectora de Atención á Saúde Mental sinala que a diversidade profesional responde á idea esencial de que a atención á saúde mental debe ser necesariamente multidisciplinar
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o incremento de recursos humanos do Plan de Saúde Mental 2026-2030 da Xunta, que incorporará 101 novos profesionais xa o vindeiro ano.
O titular da carteira sanitaria presentou en rolda de prensa o Plan, acompañado polo director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Sergas, Alfredo Silva; pola subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, Almudena Díaz; e polo coordinador asistencial de Saúde Mental, Manuel Arrojo.
Gómez Caamaño subliñou que o plan supón un salto importante en canto a investimento, profesionais e capacidade asistencial, posto que conta cun orzamento de máis de 177 millóns de euros, máis do dobre que o Plan anterior, e suporá a incorporación de 357 novos profesionais de saúde mental, case un 50 % máis que os 241 postos creados co plan anterior. Destes profesionais, 101 xa se incorporarán ao Servizo Galego de Saúde no ano 2027.
Tal e como detallou o conselleiro, entre os novos profesionais están 124 facultativos especialistas de psiquiatría e psicoloxía clínica. Este reforzo de persoal xa comezou no presente ano coa posta en marcha da Rede galega de psicoloxía clínica en atención primaria, incorporando 21 novos psicólogos clínicos. A rede suma na actualidade 28 profesionais e o obxectivo e chegar aos 50 no 2030.
Xunto ao anterior, o conselleiro destacou a integración este ano no Sergas das 13 unidades municipais de atención ás drogodependencias, e o Programa Yam, iniciativa educativa e sanitaria para fomentar o coidado da saúde mental entre os adolescentes, do que xa se beneficiaron preto de 16.000 alumnos.
Obxectivos e actuacións concretas
Na súa intervención na rolda de prensa, o conselleiro dixo que, con este plan, o Goberno galego quere avanzar cara a unha maior equidade territorial no acceso á atención á saúde mental, estendendo progresivamente programas e recursos ás sete áreas sanitarias e homoxeneizando a carteira de servizos.
Tamén se pretende avanzar cara a unha atención máis comunitaria e próxima, reforzando a hospitalización a domicilio, os equipos de continuidade de coidados e os recursos de rehabilitación.
En terceiro lugar, a Xunta quere unha maior especialización, principalmente nas áreas da infancia e a adolescencia, nas idades avanzadas, na prevención da conduta suicida, nos trastornos alimentarios, nos primeiros episodios psicóticos ou nas patoloxías graves e refractarias.
Entre as actuacións concretas, o conselleiro citou a ampliación progresiva da atención infanto-xuvenil ata os 18 anos; a creación de novas unidades de hospitalización infanto-xuvenil e, ademais, unha segunda unidade de referencia emprazada no Sur de Galicia para trastornos alimentarios de alta complexidade.
Así mesmo, o Goberno galego destinará 12 millóns de euros a obras e equipamentos para crear, ampliar ou renovar dispositivos asistenciais nas sete áreas sanitarias.
Benestar laboral
O titular de Sanidade dixo que o plan conta con seis liñas estratéxicas e catro eixes transversais, que abranguen desde a prevención e detección temperá ata a atención especializada, a rehabilitación e a inclusión comunitaria.
Igualmente referiu o conselleiro que a saúde mental é fundamental para o benestar e a calidade de vida das persoas no ámbito laboral. Ao respecto, as achegas dos profesionais da saúde mental estarán presentes no Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo, que ten previsto aprobar este mes o Consello da Xunta, froito do traballo desenvolvido no marco do diálogo cos axentes sociais.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro recoñeceu e agradeceu o traballo e o compromiso de todos os profesionais que participaron na elaboración do Plan, que será presentado nas vindeiras semanas aos profesionais do Sergas e no Parlamento.
Mecanismos de avaliación
Pola súa parte, a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, Almudena Díaz, incidiu en que o plan se traduce nunha planificación concreta, dotada de recursos, profesionais, actuacións e mecanismos de avaliación.
Almudena Díaz explicou que a diversidade profesional do plan (psiquiatras, psicólogos, enfermería, traballo social, terapia ocupacional, etc), responde á idea esencial de que a atención á saúde mental, debe ser necesariamente multidisciplinar, xa que os problemas neste campo teñen dimensións clínicas, psicolóxicas, familiares, sociais e comunitarias.
Tamén destacou que o plan se elaborou seguindo un proceso sistemático, coa participación de profesionais de distintas disciplinas e áreas sanitarias, ademais de asociacións de pacientes e familiares, de acordo coas directrices da Organización Mundial da Saúde, o que deu como resultado un plan plural, consensuado e conectado coa realidade asistencial e social de Galicia.
Pola súa parte, o doutor Arrojo Romero afondou nas liñas estratéxicas e transversais do Plan coas súas respectivas accións e obxectivos.