A Xunta licita o contrato de defensa xurídica do Servizo Galego de Saúde fronte ao cártel dos absorbentes

As empresas que foron sancionadas polo cártel acordaron un prezo dos absorbentes para adultos que resultou ser o dobre do logrado nas licitacións públicas das distintas comunidades autónomas

A gravidade das condutas sancionadas e o importante sobreprezo pagado leva a que o Goberno galego reclame os danos e prexuízos á sanidade pública

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 8 de outubro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2026

A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación da contratación da defensa xurídica para reclamar unha indemnización de danos e prexuízos ao Servizo Galego de Saúde causados polo cártel dos absorbentes.

No ano 2016, a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) impuxo sancións por importe de 128 millóns de euros a oito empresas fabricantes e importadoras destes absorbentes, á Federación Española de Empresas de Tecnoloxía Sanitaria (Fenin) e a dúas persoas físicas pola súa participación en prácticas restritivas da competencia.

Tal e como quedou acreditado na resolución sancionadora, as empresas do cártel acordaron un prezo dos absorbentes para adultos financiados para os pacientes que resultou ser o dobre do prezo logrado mediante as licitacións públicas das distintas comunidades autónomas.

A gravidade das condutas sancionadas e a importante contía do sobreprezo pa­gado fai necesario que o Servizo Galego de Saúde recla­me os danos e prexuízos causados polas empresas participantes no cártel.

Con carácter previo á contratación deste servizo xurídico, o Servizo Galego de Saúde efectuou unha análise da información dispoñible mediante a que se concluíu que o gasto mínimo acreditado e identificable coas empresas do cártel, entre 2004 e 2014, ascendeu a un total de 140,8 millóns de euros.

Para o período anterior, desde 1996, disponse actualmente dunha estimación de aproximadamente 153 millóns de euros de gasto co global dos integrantes do cártel, sen dispoñer dunha desagregación por empresas para o dito período. Esta estimación de gasto deberá concretarse e determinarse mediante a proba pericial que forma parte do obxecto desta contratación.

Ademais, o Servizo Galego de Saúde encargou un estudo preliminar á Universidade de Santiago para efectuar unha estimación do dano en función da información e os datos actualmente dispoñibles. O estudo concluíu co establecemento de diversos escenarios ou hipóteses con estimacións graduadas do dano potencial á sanidade pública, co obxectivo de fixar o valor estimado da contratación.

Será a proba pericial incluída nesta contratación a que permitirá analizar e completar a información dispoñible para delimitar a extensión temporal do dano e determinar o importe exacto da reclamación, de xeito coordinado coa estratexia procesual de defensa xurídica.

Así pois, o servizo de defensa xurídica, xunto coa pericial, permitirán establecer o gasto demostrable e o conseguinte menoscabo sufrido pola sanidade pública, fixando a contía final da reclamación.

Así, nesta contratación inclúense todas as fases do proceso, tanto en vía extraxudicial como xudicial, como son a preparación da proba, a redacción e presentación de escritos procesuais ou os recursos que poida ser preciso presentar.

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 8 de outubro para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 08/09/2026