O titular do Goberno autonómico participou na apertura do curso académico 2026-2027

Rueda avanza que a Xunta traballa no deseño do novo Plan de financiamento universitario que contará co orzamento máis alto da historia

Salienta que Galicia foi pioneira ao dotar aos campus dunha folla de ruta para coñecer con previsión os recursos dos que van dispoñer e mellorar a súa xestión

O Plan actual conta con máis de 3.200 M€, o que implica un investimento diario de 1,5 M€ nas tres universidades públicas galegas

Resalta a aposta da Xunta pola igualdade de oportunidades ao manter, por terceiro curso consecutivo, a matrícula gratuíta na universidade

Apela pola “colaboración, o diálogo e os acordos” entre universidades e coa Xunta para facer fronte aos retos do sistema universitario

O Goberno autonómico traballa cos campus na actualización da normativa que regula as titulacións e ultima a nova Lei de ciencia e innovación

Vigo,  8 de setembro 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou esta mañá que o Goberno autonómico xa iniciou os traballos para aprobar, o vindeiro ano, o Plan de financiamento universitario 2028-2032, que contará co orzamento máis alto da historia da comunidade. “O Sistema Universitario de Galicia avanza con paso firme. O futuro de Galicia pasa, en gran parte polo futuro e o éxito das súas universidades”, indicou.

Durante o acto de apertura do curso académico 2026-2027, que este ano se celebrou en Vigo e no que estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, Rueda lembrou que Galicia foi pioneira á hora de dotar aos campus desta ferramenta que lles permite “ter previsión, certezas e seguridade” dos recursos dos que van dispoñer e mellorar a súa xestión. “O vindeiro Plan será o sétimo de Galicia e aínda hai comunidades que non teñen o primeiro”, salientou.

O Plan actual está a mobilizar máis de 3.200 millóns de euros, o que implica un investimento diario de preto de 1,5 millóns de euros nas tres universidades públicas galegas. Unhas cifras que, segundo resaltou o presidente, amosan a aposta da Xunta por estas ensinanzas e por facelas máis accesibles. Nesta liña, Rueda resaltou que, por terceiro curso consecutivo, a comunidade galega manterá a matrícula gratuíta para os alumnos que aproben e as taxas conxeladas -cos mesmos prezos que hai 15 anos- para os que non superen o mínimo de créditos necesarios. “Un esforzo conxunto que asumen todos os galegos. Se as persoas que acceden á Universidade estudan, aproban e se esforzan, o pobo galego lles corresponde como ten que ser”, explicou.

Na súa intervención, o presidente repasou os retos do novo curso académico, nos que é preciso a colaboración entre as entidades académicas e a administración. “Se seguimos con este sistema de colaboración, diálogo e acordos, primeiro entre as propias universidades e logo coa Xunta, teremos os froitos que esperamos”, indicou.

Nesta liña, Rueda salientou que a Xunta quere reforzar a capacidade de xestión das universidades para o que vai dotar aos consellos sociais de novas ferramentas para que avalíen a situación financeira das entidades.

Ademais, lembrou que Xunta e universidades están a traballar na renovación da normativa que regula as titulacións para adaptalas ás necesidades actuais e que se está a ultimar a Lei de ciencia e innovación para promover a I+G+i, a investigación con selo galego, garantir a remuda xeracional neste eido, promover a internacionalización dos traballos e atraer talento á comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2026