A Xunta reafirma o apoio á comunidade galega retornada salientando que este ano se superarán as 1.340 axudas extraordinarias concedidas en 2025
O secretario xeral da Emigración participou hoxe en Caldas de Reis na inauguración da nova sede da Asociación de Emigrantes Retornados do Ulla-Umia (AERU)
Antonio Rodríguez Miranda lembrou que o 30 de setembro remata o prazo de solicitude tanto das axudas extraordinarias como das dirixidas ao autoemprego por parte de persoas retornadas, das que se concederon en 2025 un total de 145 achegas
Caldas de Reis (Pontevedra), 9 de setembro de 2026
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reafirmou o apoio da Xunta á comunidade galega retornada co gallo de axudar a sufragar os gastos derivados do seu regreso a Galicia. Así o dixo esta mañá na inauguración da nova sede da Asociación de Emigrantes Retornados do Ulla-Umia (AERU), en Caldas de Reis.
Na súa intervención, Miranda recordou que en 2025 concedéronse en Galicia 1.340 axudas extraordinarias, cun orzamento de case 4 M€. Unhas cifras que este ano, segundo resaltou, se van superar. En palabras do secretario xeral, isto revela o interese do Goberno galego no só en animar ao retorno, senón en axudar a ter os medios necesarios para que se realice nas mellores condicións.
Estas achegas súmanse a outras como as dirixidas a impulsar o autoemprego e a actividade emprendedora por parte das persoas retornadas. En 2025, segundo afirmou, concedéronse 145, cun importe de 1.171.000 euros. O representante autonómico engadiu que o prazo para solicitar as axudas de ambas convocatorias remata o 30 de setembro.
En relación á nova sede da AERU, Rodríguez Miranda manifestou o seu desexo de que sirva para dar un novo pulo á asociación no que ten que ver coa atención a todas as persoas retornadas da provincia de Pontevedra. Nese senso, recordou que a Secretaría Xeral da Emigración vén colaborando cada ano desde 2016 coa entidade para o mantemento dunha oficina de información.