A Xunta inviste máis de 525.000 euros en actuacións de mellora do Plan Ben_estar en 29 centros educativos de Ferrolterra, Eume e Ortegal

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o CEIP José María Lage de Ortigueira coincidindo co inicio do curso escolar

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP levou a cabo este verán no centro traballos por valor de máis de 30.300 euros

Ortigueira (A Coruña), 9 de setembro de 2026

 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, supervisou esta mañá o resultado das actuacións que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP levou a cabo este verán no CEIP José María Lage cun investimento de máis de 30.300 euros.

Os traballos consistiron na reparación dun tabique e na adecuación dun novo local para o seu uso como almacén de cociña. Ademais, estase por substituír nos próximos días un portón de entrada ao recinto escolar.

Aneiros lembrou que esta se trata dunha das actuacións do Plan Ben_Estar, que actuou este ano en 29 centros educativos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, cun investimento total que superou os 525.000 euros. “Dende a Xunta queremos que os nosos estudantes poidan gozar dunhas boas instalacións nas que desenvolver os seus estudos, o que estamos a traballar e demostrar con actuacións coma esta”, apuntou a delegada.

Durante a visita, a delegada territorial aproveitou a ocasión para saudar aos 195 alumnos e 24 docentes que hoxe comezaron as clases no centro educativo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2026