A Xunta avanza nos traballos para licitar a finais de ano as obras de construción do novo parque empresarial de Ribeira
O xerente de Xestur, Diego Toja, acompañado pola alcaldesa do municipio, María Sampedro, supervisou o inicio do estudo xeolóxico e xeotécnico previo ao desenvolvemento do futuro polígono, que terá unha superficie de 260.000 m2
Ribeira (A Coruña), 10 de setembro de 2026
O xerente da sociedade Xestión de Solo de Galicia-Xestur, Diego Toja, afirmou hoxe que a Xunta está a acelerar os traballos para que a finais de ano poidan estar licitadas as obras de construción do novo polígono de Ribeira (A Coruña) que permitirá atender a demanda de solo industrial existente neste municipio coruñés.
Acompañado pola alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, o xerente de Xestur supervisou o inicio dos traballos para elaborar o proxecto de urbanización e que inclúen a realización dos estudos xeolóxico e xeotécnico. Estes traballos son necesarios para avanzar no proxecto, xa en fase de licitación, e que está previsto que se adxudique nas vindeiras semanas.
Con esta actuación, o Goberno galego da un paso máis no desenvolvemento deste ámbito, logo de que o pasado mes de xullo a Consellería de Economía e Industria e o Concello de Ribeira asinaran un protocolo de colaboración para actualizar o proxecto de construción do polígono, que finalmente terá unha superficie de 260.000 m2. .
De acordo con este documento, agora o que se vai facer é actualizar, entre outros aspectos, as medicións, as solucións construtivas e as redes de servizo, actuacións que van ser contratadas e financiadas por Xestur e que permitirán avanzar no proxecto de urbanización.
Máis solo industrial na provincia da Coruña
Con esta actuación, o Goberno galego incrementa o seu esforzo para ampliar a superficie empresarial dispoñible en Galicia. No caso da provincia da Coruña, ten en marcha diversas actuacións que permitirán ampliar en 4,2 millóns de metros cadrados a superficie de solo industrial, cun investimento de case 112 millóns de euros ata 2030.
Entre estas actuacións figuran a fase C do Parque Empresarial de Morás (Arteixo), xa rematada; a expropiación dos parques empresariais de Bértoa (Carballo) e Coristanco; o novo parque empresarial de Cabana de Bergantiños; a ampliación do parque empresarial da Sionlla (Santiago de Compostela); a nova Plataforma Loxística Empresarial e Portuaria de Mandiá (Ferrol); ou a ampliación do polígono de Merelle (Ordes).