O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe na IV edición do ‘Mapa Ecosistema de Emprendemento’ organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia
A Xunta sitúa o talento como pedra angular para impulsar o emprendemento e consolidar en Galicia un ecosistema máis competitivo e conectado
José González salienta que a suma de capacidades, tanto das persoas que xa están en Galicia como das procedentes do exterior, é clave para afianzar un mercado laboral en máximos históricos, que vén de rexistrar récord de cotizantes nun mes de agosto
Puxo en valor medidas como o pulo a unha formación para o emprego máis áxil e flexible ou a modernización do Servizo Público de Emprego, con ferramentas para casar mellor oferta e demanda laboral como EMi, que xa leva 116.000 perfilados
Destaca tamén o deseño, da man dos axentes do territorio, da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, a prol dun ecosistema máis cohesionado e con ferramentas como a Rede de polos, que leva atendido máis de 7.100 proxectos
Apela ao Diálogo Social e á colaboración público-privada para facer de Galicia un lugar onde o talento queira quedar, volver e iniciar un proxecto por conta propia ou allea con plenas garantías
Vigo, 10 de setembro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou hoxe o esforzo da Xunta a prol de facer de Galicia un ecosistema cada vez máis competitivo, máis conectado e máis capaz de xerar oportunidades de emprego e emprendemento, partindo da necesaria colaboración público-privada. Fíxoo no marco da IV edición do Mapa Ecosistema de Emprendemento, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, onde estivo acompañado tamén pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.
González situou o talento como a pedra angular deste ecosistema e tamén como elemento clave para afianzar os datos históricos que está a rexistrar o mercado laboral galego, que vén de acadar a cifra máis alta de afiliados nun mes de agosto tanto no conxunto de Galicia —1.134.483 cotizantes á Seguridade Social— como na provincia de Pontevedra —397.256 persoas—.
A este respecto, indicou que Galicia traballa nunha dobre vía igualmente necesaria, tanto no relativo ao emprego por conta allea como por conta propia: potenciar o talento que xa está na nosa terra, co foco na formación para o emprego e na potenciación do Servizo Público de Emprego de Galicia, con ferramentas como EMI, para casar mellor a oferta e a demanda e que xa leva realizado máis de 116.000 perfilados; e, pola outra, atraer profesionais do exterior que se sumen ao tecido produtivo, sempre baixo un modelo ordenado, planificado e en beneficio da Comunidade.
Galicia, rexión referente en emprendemento
No relativo ao emprendemento, conectar o ecosistema e facelo máis sólido e cohesionado é tamén un dos obxectivos prioritarios da futura Estratexia de Emprendemento ligado ao Territorio, na que segue avanzando o Goberno galego da man de todos os axentes en Galicia e que busca, entre outros fins, fixar actividade económica no territorio, favorecer a remuda xeracional e acompañar ao emprendedor durante todo o ciclo do seu proxecto.
Así mesmo, indicou que todas as persoas que queren poñer en marcha o seu proxecto, tanto as que xa están aquí como as que chegan de fóra de Galicia para iniciar aquí o seu proxecto de vida, teñen á súa disposición ferramentas como a Rede de polos, que leva atendidos xa máis de 7.100 proxectos a través dos seus 15 polos en Galicia, tres deles en Pontevedra. Ademais, salientou que xa son máis de 152 entidades adheridas á Rede Ultreia, nacida como unha iniciativa de colaboración público-privada nesta materia para reforzar todo o ecosistema. A isto súmanse iniciativas a prol da atracción de talento emprendedor e de nómades dixitais ao rural galego, con proxectos como Fixar ou Muimenta Viva, e propostas singulares para recuperar baixos en desuso de cascos urbanos senlleiros —para poñelos a disposición de autónomos e emprendedores— como Vilas Vivas, cuxo piloto estamos a desenvolver en Ribadavia.
Finalmente, apelou ao Diálogo Social e á colaboración para seguir facendo de Galicia, explicou, un lugar onde o talento queira quedar, onde poida volver quen marchou e onde calquera persoa atope as condicións necesarias para traballar ou emprender con plenas garantías.