Villaverde pon en valor os 60 anos de Conservas Mariscadora como exemplo da tradición e da calidade dos produtos das rías galegas
A conselleira do Mar salienta a traxectoria de tres xeracións desta empresa asentada en Cambados e a súa estreita vinculación co sector pesqueiro e marisqueiro local
A Consellería do Mar destinou, desde 2008, un total de 758.767 € a apoiar actuacións de modernización, transformación e comercialización da compañía
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 10 de setembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo hoxe en valor os 60 anos de traxectoria de Conservas Mariscadora como exemplo “do mellor da nosa tradición mariñeira e gastronómica” e da calidade dos produtos das rías galegas, ao tempo que reafirmou o compromiso da Xunta co sector conserveiro e de transformación.
Villaverde participou, nas Bodegas Granbazán, en Vilanova de Arousa, no acto de celebración das seis décadas de existencia desta empresa asentada en Cambados, e trasladou os seus parabéns ás tres xeracións de emprendedores, profesionais e traballadores que deron continuidade a un proxecto cimentado na selección de produtos de calidade, nos métodos de elaboración artesanais e no compromiso co mar de Galicia e coa súa sustentabilidade. A conselleira salientou que esta traxectoria permitiu consolidar Conservas Mariscadora como un dos referentes da industria conserveira das Rías Baixas.
Neste sentido, a titular de Mar incidiu especialmente no papel que desempeñan estas compañías na xeración de actividade económica e emprego nas zonas costeiras. A firma mantén desde a súa planta situada no corazón da ría de Arousa unha relación directa coa cultura pesqueira e cos profesionais do mar da súa contorna, contribuíndo, apuntou Villaverde, a soster a economía local e a poñer en valor o traballo de pescadores, mariscadoras e redeiras.
A conselleira destacou tamén o respaldo continuado da Xunta ao desenvolvemento destas empresas. No caso de Conservas Mariscadora, a Consellería do Mar destinou, entre os anos 2008 e 2026, un total de 758.767 euros en axudas, dirixidas fundamentalmente á modernización das súas instalacións, á transformación dos produtos da pesca e da acuicultura e a actuacións de comercialización.
Villaverde enmarcou este respaldo no compromiso do Goberno galego coa modernización e competitividade da cadea mar-industria, favorecendo que empresas cunha forte raíz artesanal poidan innovar, mellorar os seus procesos e competir en mercados cada vez máis esixentes sen renunciar á súa identidade.
Precisamente, a conselleira destacou a capacidade de Conservas Mariscadora para conxugar tradición e innovación, algo que se reflicte na recente renovación da súa imaxe, do packaging e da presentación dos seus produtos.
Conservas Mariscadora
Fundada en 1966 en Vilaxoán, é unha empresa familiar que actualmente ten a súa sede e centro de produción no polígono Sete Pías, en Cambados. A esta traxectoria sumouse este mesmo ano a obtención do selo Galicia Calidade, que certifica unha ampla selección dos seus produtos e recoñece o traballo desenvolvido pola compañía para levar a calidade das rías galegas aos mercados durante máis de medio século.
Para Marta Villaverde, apoiar este tipo de empresas supón tamén defender un modelo produtivo directamente conectado co territorio. “Consumir, apoiar e enorgullecernos das nosas conservas tradicionais é unha declaración de principios”, subliñou, pois significa apostar por Galicia, pola súa economía costeira, pola súa gastronomía e polo futuro do sector produtivo.