Belén do Campo destaca o investimento de máis de 3,1M€ na cidade de Santiago de Compostela para formar a máis de 1.000 persoas sen emprego nos ámbitos máis demandados polas empresas
A delegada da Xunta visitou hoxe no Dobao Imagen S.L ao alumnado do Salón de Peiteado unha das tres Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD) que contaron cunha achega do Goberno galego de máis de 157.000 euros
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá ao alumnado o centro do centro de formación Dobao Imagen S.L nunha das súas Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD) que imparten cunha achega de máis de 157.000 euros do Goberno galego na convocatoria 2026-2027 que lle permite impartir tres cursos de Salón de Peiteado iniciado, Servizos Axiliares de Salón de Peiteado xa finalizado e Servizos Auxiliares de Estética xa finalizado.
Durante a visita puido charlar cos participantes do curso de Salón de Peiteado. Alí, interesouse polo seu grao de satisfacción con esta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración enfocada á adquisición e mellora de competencias profesionais.
A representante autonómica recordou que a convocatoria 2026-2027 deste programa está dotada con 60 M€, cos que o Goberno galego pretende reforzar a cualificación profesional e facilitar a inserción laboral da cidadanía. Co reforzo orzamentario, a previsión da Xunta é superar as 10.700 persoas beneficiarias. A convocatoria permanece aberta ata o 30 de novembro. Na provincia da Coruña, a data de setembro, xa están aprobados un total de 293 cursos, en 72 entidades de 23 concellos cun investimento de máis de 15,3 millóns de euros e na cidade de Santiago , un total de 67 accións formativas para desempregados en 15 entidades da cidade por valor de máis de 3,1 millóns de euros.
A delegada da Xunta sinalou tamén que esta iniciativa está integrada no novo modelo de formación para o emprego impulsado pola Administración autonómica, “que conta cunha maior flexibilidade, simplificación administrativa e adaptación ás necesidades reais do tecido empresarial galego, dando resposta así ás vacantes que existen no mercado laboral”.
As accións están dirixidas preferentemente a persoas desempregadas, aínda que tamén poderán participar persoas ocupadas ata un máximo do 30 % das prazas dispoñibles no caso de existiren vacantes. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto entre o 20 de xaneiro e o 30 de novembro de 2026.
Os fondos distribuiranse entre as anualidades 2026 e 2027, permitindo desenvolver accións formativas que se inicien este ano e continúen no seguinte. Poderán optar ás axudas os centros e entidades acreditadas para impartir graos A, B e C do Sistema de Formación Profesional. Ademais, as subvencións concederanse en réxime de concorrencia non competitiva e incluirán anticipos de ata o 60 %.
Entre as principais novidades desta convocatoria figura a flexibilización dos requisitos de acceso. As persoas que finalicen unha acción formativa poderán matricularse nun curso de nivel superior sen necesidade de agardar pola expedición oficial do certificado profesional correspondente. Esta medida tamén beneficiará ás persoas que estean pendentes da homologación dun título estranxeiro.
Co obxectivo de garantir unha conexión efectiva co mercado laboral, as entidades deberán acreditar previamente unha demanda mínima equivalente ao 30 % do alumnado previsto. Ademais, os programas de grao C manterán o carácter dual obrigatorio, de maneira que polo menos o 25 % das horas formativas se desenvolverán en contornas reais de traballo.
A representante do Goberno autonómico subliñou que o obxectivo destas iniciativas é mellorar as competencias profesionais das persoas participantes e facilitar a obtención de certificados profesionais con impacto directo na súa empregabilidade e inserción laboral.