A Xunta reforza a colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense para dar pulo á atracción de talento e ao colectivo autónomo da provincia
Ourense, 11 de setembro de 2026
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, visitou a sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), onde mantivo un encontro co seu presidente, David Martínez, e co secretario xeral, Jaime Pereira, co gallo de reforzar a colaboración entre as partes e garantir o dinamismo do mercado laboral na provincia ourensá. En concreto, tratáronse as medidas autonómicas dispoñibles e as posibilidades de cooperación no eido da captación de talento para a cobertura de vacantes —con especial atención a sectores estratéxicos—, así como o apoio ao colectivo autónomo polo seu importante peso no tecido produtivo.
Nese senso, a secretaria xeral recordou que teñen o prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro diversas convocatorias de impulso á contratación como pode ser o programa Galicia Suma Talento: Emprégate —orientado aos colectivos prioritarios de inserción— ou o de Primeira experiencia profesional —dirixido principalmente á mocidade—. Tamén se poden solicitar ata ese día ou ata o esgotamento do crédito dispoñible as axudas incluídas na orde única de apoio ás persoas traballadoras autónomas, que cobren o inicio, mantemento, consolidación e reactivación da actividade, ademais da contratación indefinida e as asociacións do sector.