A Xunta destaca a aposta do mercado ‘Artesanamente’ pola Artesanía de Galicia e a gastronomía

O director de Comercio e Consumo participou esta mañá na presentación da segunda edición desta cita, que terá lugar en Santiago os días 18, 19 e 20 de setembro, con 24 expositores de Artesanía de Galicia e 16 de Artesanía Alimentaria

Gabriel Alén explicou que a iniciativa busca favorecer a venda de creacións artesanais, visibilizar os distintos oficios e fomentar entre a cidadanía hábitos de consumo responsables, baseados na proximidade, a orixe e a identidade propia

A programación inclúe exhibicións en directo de técnicas tradicionais e contemporáneas, con propostas dedicadas á marroquinería, o encaixe, a forxa, a elaboración de zocas e o paper art

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá no Pazo de Raxoi na presentación do evento Artesanamente, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de setembro na sede de Afundación (rúa do Vilar, 19). A Xunta colabora por segundo ano consecutivo con esta iniciativa de divulgación e posta en valor da Artesanía de Galicia e dos oficios artesanais así como da gastronomía e dos produtos de Artesanía Alimentaria.

Artesanamente está concibido como un mercado para dar visibilidade ao talento local, exemplifica as novas fórmulas de comercialización do produto artesanal galego e permite ao público achegarse aos oficios desde a perspectiva dos propios creadores a través de demostracións en vivo e presentacións a cargo dos artesáns. Durante a súa intervención, Gabriel Alén destacou a aposta desta iniciativa por dous ámbitos tan vinculados a Galicia, ao territorio e á identidade cultural como son a artesanía e a gastronomía, un vínculo no que o Goberno galego está a traballar dende hai anos a través de proxectos como Artesanía no Prato ou o Corazón da Artesanía de Agolada, ambos os dous galardoados co Premio Promociona nos Premios Nacionais de Artesanía.

Nesta segunda edición de Artesanamente, que se desenvolverá en horario de 11,00 a  14,00 h. e de 17,00 h. a 22,00 h., poderase ver o traballo de 24 expositores de Artesanía de Galicia, especializados nos ámbitos da cerámica, da madeira, dos instrumentos musicais, da xoiería, da elaboración de velas, do encaixe, da moda, do bordado, da estampaxe, do bordado ao aire ou complementos de moda.

Trátase de Acivro Xoias (Santiago de Compostela), Antía Caldeiro (Maceda), BJ Candle Studio (Santiago de Compostela), Casa Escola Obradoiro de Ana Rosa (Ames), Casperlota Atelier (Paderne), Coiro Tres Pés (Pontevedra), Eferro (Vila de Cruces), Fran Fret Guitars (A Coruña), GSC Petrum (Cuntis), Io Textil (Santiago de Compostela), Julia Vilariño, sombreiraría artesanal (Pontedeume), Lucky´s Bakes Ceramics (Baiona), Lumecú (Vilar de Santos), Mailob (Vedra), Mimacuir (Taboada), Mundaya (Santiago de Compostela), Néboa na ría (Sada), Simedalalana (Ponteareas), Susana Anta (A Coruña), Tres Caracoles (Lugo), Tuuinx (Ames), Variopinto (Santiago de Compostela), Xiana Cobo (Santiago de Compostela) e Zeltia ao aire (A Coruña).

No evento participarán tamén 16 empresas que contan co selo Artesanía Alimentaria: A Morena Marmeladas, Adega Pedro Leivas, Galletas Maruxas, Mamá Teresa, Manda Carballo, Martietas de Fío, Nela Gourmet, Ouro de Quiroga, Pitucas Galletas, Queixo O Rexo de Allariz, Sacrapastas, Sofragal, Torta de Sarria, Trasdeza Natur, Xacobleas e Xearte Brigitte.

Demostracións en vivo

No programa de actividades inclúense tamén faladoiros, showcookings e demostracións de oficios en vivo, tanto no interior coma no exterior da sede de Afundación. O venres pola mañá haberá unha demostración de marroquinería a cargo do artesán Santiago Besteiro e pola tarde será a quenda de Cristina Velasco, de Anaquiños de papel, especializada no paper art.

O sábado pola mañá Jorge Eiroa realizará unha demostración de forxa e pola tarde será o momento do encaixe, grazas a Ana Rosa Lista. O domingo pola mañá o zoqueiro Álvaro Pin realizará unha demostración no exterior e ás 12,30 h. participará xunto con Elena Ferro no faladoiro Asentar os oficios. O domingo pola tarde haberá unha demostración de xoiería de Paula Dacosta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2026