O titular do Goberno autonómico participou hoxe na inauguración dunha nova ampliación do parque empresarial das Gándaras, en Lugo
Rueda destaca que o desenvolvemento de preto de 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial ata 2030 permitirá ampliar e atraer novas empresas
Salienta que suporá poñer a disposición nos próximos anos máis superficie que a que se habilitou desde a creación de Xestur, a mediados dos 80
Cando o parque empresarial das Gándaras estea rematado, contará con máis de 2 millóns de metros cadrados e o investimento total roldará os 90 millóns de euros
Hoxe mesmo adxudicáronse 27 das 39 parcelas habilitadas nesta nova fase de ampliación
Lugo, 11 de setembro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que o desenvolvemento de case 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial ata 2030 permitirá ampliar as empresas que xa existen, así como atraer outras novas que se queiran instalar en Galicia. O investimento total nesta iniciativa ascenderá a máis de 440 millóns de euros.
Así o apuntou esta mañá durante a inauguración de tres novas fases de ampliación do parque empresarial das Gándaras, en Lugo. No acto, reivindicou que, con esta iniciativa, o Goberno galego busca dar resposta e solucións á iniciativa privada, aproveitando “o dinamismo que agora mesmo ten Galicia”, con oportunidades “que non debemos deixar pasar”, sempre “dentro do respecto ás normas”. Neste sentido, salientou que “hai moito talento en toda Galicia, tamén en Lugo”, e que cando hai talento “normalmente hai iniciativa empresarial”.
Segundo destacou o presidente, “onde se xera demanda, hai que atendela con celeridade”. Así, fixo fincapé en que esta aposta polo solo industrial supón poñer a disposición nos próximos anos máis metros cadrados de solo industrial dos que se habilitaron desde que se creou Xestión do solo de Galicia (Xestur), nos anos 80. En concreto, desde a súa fundación ata hai algo máis dun ano desenvolvera 11,4 millóns de metros cadrados; e agora, co horizonte posto no 2030, serán 11,7 millóns.
Esta política compleméntase con outras medidas para que estas parcelas acaden unha ocupación efectiva. Entre outros incentivos, Rueda citou os prezos bonificados, a oferta pública permanente (os terreos que non se vendan pasan a estar ofertados todo o ano) ou a adxudicación directa (unha figura que permite adoptar esta fórmula nos casos legalmente previstos, para proxectos singulares ou estratéxicos).
O parque empresarial das Gándaras
A ampliación que se inaugurou hoxe no parque das Gándaras corresponde ás fases IV, V e VII-A. Supón case 220.000 novos metros cadrados, distribuídos en 39 parcelas, das que hoxe mesmo xa se adxudicaron 27. Cómpre lembrar que as primeiras tres fases xa están rematadas e sen solo dispoñible. Actualmente, xa es está traballando nas fases VI e VII-B, co que só quedarían programar a VIII e a IX.
En total, cando o parque estea rematado na súa totalidade, contará con máis de 2 millóns de metros cadrados e acumulará un investimento total que roldará os 90 millóns de euros.
Rueda sinalou que esta iniciativa é “mostra do dinamismo que ten a cidade” e que se inscribe na aposta que está facendo o Goberno galego por Lugo, con outros investimentos de relevancia en materia de vivenda de promoción pública -con 615 en marcha na cidade-, ou outras actuacións en materia de sanidade, como o proxecto do centro de saúde do Sagrado Corazón, a reforma do da Milagrosa, ou coa ampliación do IES Muralla Romana.