O departamento sanitario galego participou na conferencia anual do European Forum for Primary Care

O Servizo Galego de Saúde presenta na cidade de Stuttgart o modelo galego de seguimento domiciliario de pacientes crónicos Telea

O encontro reuniu a representantes de diferentes países europeos para compartir coñecemento e experiencias sobre a transformación da atención primaria

TELEA non é unicamente unha plataforma tecnolóxica, senón un modelo asistencial que permite realizar un seguimento proactivo e continuado dos pacientes

A participación galega permitiu dar a coñecer o proceso de transferencia de TELEA desde o sistema sanitario galego cara a outras contornas europeas, así como os principais retos e aprendizaxes derivados da súa adaptación

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2026

O Servizo Galego de Saúde  presentou esta semana na cidade alemá de Stuttgart o modelo galego de seguimento domiciliario de pacientes crónicos, Telea, nun encontro que reuniu a representantes de diferentes países europeos para compartir coñecemento e experiencias sobre a transformación da atención primaria.

A presentación destacou que TELEA non é unicamente unha plataforma tecnolóxica senón un modelo asistencial que permite realizar un seguimento proactivo e continuado dos pacientes dende o seu domicilio. O sistema está integrado na historia clínica electrónica e baséase en protocolos asistenciais, xeración de alertas, definición de responsabilidades dos profesionais e participación activa dos pacientes e das persoas coidadoras.

A participación galega enmárcase no proxecto europeo CIRCE-JA (Joint Action Transfer of Best Practices in Primary Care), no que o Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) participan como propietarios dunha das seis boas prácticas seleccionadas para a súa transferencia a outros sistemas sanitarios europeos: o sistema galego de telemonitorización domiciliaria TELEA.

Financiado polo programa EU4Health, o proxecto europeo ten como finalidade fortalecer os sistemas sanitarios mediante a transferencia e implementación de seis boas prácticas baseadas na evidencia en 40 centros ou contornas asistenciais de 12 estados membros.

Durante a conferencia celebrouse un obradoiro dedicado a analizar o proceso de transferencia e implementación das boas prácticas de CIRCE-JA e os resultados acadados ata o momento.

A sesión contou con representantes dos propietarios e das rexións implementadoras de varias das boas prácticas do proxecto, que compartiron as súas experiencias de adaptación aos respectivos sistemas sanitarios. O obradoiro abordou as dificultades de adaptación, as solucións adoptadas durante a implementación e as aprendizaxes transferibles a outros contextos.

Modelos de atención centrados nas persoas

No caso da boa práctica galega, Pablo Cófreces, do Servizo Galego de Saúde, xunto con Sofi Nordmark, da rexión de Norrbotten (Suecia), encargada da súa implementación no territorio, presentaron a experiencia de transferencia do sistema TELEA, centrada na incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación á atención primaria para facilitar o seguimento a distancia de pacientes e favorecer modelos de atención máis accesibles e centrados nas persoas.

A presentación permitiu dar a coñecer o proceso de transferencia de TELEA desde o sistema sanitario galego cara a outras contornas europeas, así como os principais retos e aprendizaxes derivados da súa adaptación e implementación.

Norrbotten é unha das rexións que está a incorporar actualmente esta boa práctica galega no marco de CIRCE-JA, xunto con outras rexións de Italia.

A participación de Galicia neste foro europeo permite facer visible a experiencia do sistema sanitario galego no desenvolvemento e transferencia de solucións innovadoras en atención primaria, e reforza o intercambio de coñecemento con outras rexións. Así mesmo, contribúe aos obxectivos de CIRCE-JA de favorecer a adopción de boas prácticas baseadas na evidencia e impulsar sistemas de saúde máis accesibles e sostibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2026