O Parque Nacional das Illas Atlánticas recolle preto de 8.400 sementes autóctonas para consolidar a restauración dos hábitats insulares
A recollida de sementes constitúe unha das fases máis importantes do proceso de recuperación, xa que permite dispoñer de material xenético adaptado ás condicións ambientais das propias illas
As zonas de recollida deben ter condicións climáticas, xeográficas e ecolóxicas similares ás dos espazos que se pretende restaurar e despois as sementes cultívanse en viveiros, seguindo protocolos específicos de conservación e xerminación
Esta actuación favorece tamén a restauración de procesos ecolóxicos como a dispersión natural de sementes por parte da fauna, a mellora da fertilidade dos solos e a creación de refuxios para numerosas especies de aves e invertebrados
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026
O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia continúa avanzando na recuperación dos seus ecosistemas terrestres mediante un programa de recollida e conservación de sementes de especies forestais autóctonas destinado á restauración de hábitats insulares.
Así, durante a campaña de 2025 obtivéronse un total de 8.386 sementes viables, procedentes de 4.656 froitos de sete especies arbóreas e arbustivas de gran valor ecolóxico, que serán destinadas á produción de planta autóctona para actuacións de restauración ambiental.
Cómpre lembrar que o Parque Nacional desenvolveu intensos traballos de eliminación e control de especies invasoras -eucalipto e acacia negra, entre outras-, xerando novas oportunidades para recuperar a vexetación propia dos ecosistemas atlánticos. Con todo, a rexeneración natural non sempre é suficiente para restablecer a biodiversidade orixinal, polo que a restauración activa mediante a introdución de especies autóctonas é unha ferramenta fundamental para acelerar a recuperación dos hábitats naturais.
Deste xeito, o proxecto de recollida de sementes constitúe unha das fases máis importantes deste proceso, xa que permite dispoñer de material xenético adaptado ás condicións ambientais das propias illas e da súa contorna costeira inmediata.
Sementes de proximidade para garantir o éxito da restauración
As sementes recollidas pertencen a especies características dos bosques e matogueiras atlánticas galegas. En concreto, destacan as 2.678 sementes viables recollidas de érbedo (Arbutus unedo), as 2.850 de estripeiro ou espiño albar (Crataegus monogyna), as 1.374 de acivro (Ilex aquifolium) e as 1.000 de loureiro (Laurus nobilis). Así mesmo, tamén se recolleron 297 sementes de pereira brava (Pyrus cordata), 122 de rebolo (Quercus pyrenaica) e 65 de carballo (Quercus robur).
En canto ás zonas de recollida, a súa selección responde a criterios ecolóxicos moi estritos. Os traballos realizáronse tanto dentro do Parque Nacional -nas illas de Faro, Monteagudo e Ons-, como en áreas costeiras próximas do Morrazo, incluíndo Hío, Aldán e Cabo Udra. Estas localizacións presentan condicións climáticas, xeográficas e ecolóxicas similares ás dos espazos que se pretende restaurar, favorecendo así unha mellor adaptación das futuras plantas aos ambientes insulares.
A totalidade das sementes recollidas están a ser cultivadas polo persoal do Parque en viveiros, onde se desenvolven programas de produción de planta autóctona a partir de sementes obtidas en campañas anteriores, seguindo protocolos específicos de conservación e xerminación.
O uso de material vexetal procedente de contornas ambientalmente similares representa unha vantaxe clave para a restauración ecolóxica xa que estas plantas presentan unha maior capacidade de adaptación ás condicións de vento, salinidade, solo e dispoñibilidade hídrica características dos ecosistemas insulares, aumentando así as probabilidades de supervivencia e éxito das futuras repoboacións.
Ademais de contribuír á recuperación da cuberta vexetal, estas actuacións favorecen a restauración de procesos ecolóxicos fundamentais, como a dispersión natural de sementes por parte da fauna, a mellora da estrutura e fertilidade dos solos e a creación de refuxios e recursos alimentarios para numerosas especies de aves e invertebrados.
Un esforzo continuado con resultados tanxibles
Esta campaña dá continuidade aos traballos iniciados en 2021 para abastecer de material vexetal os proxectos de restauración do Parque Nacional. No conxunto das campañas realizadas entre 2021 e 2025 obtivéronse máis de 34.900 sementes viables, consolidando unha base xenética de gran valor para os futuros traballos de restauración ecolóxica.
De feito, a restauración dos hábitats insulares constitúe un dos principais retos de conservación do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Iniciativas como este programa de recollida de sementes permiten avanzar cara á recuperación de ecosistemas máis resilientes, biodiversos e funcionais, garantindo a conservación a longo prazo dun dos espazos naturais máis emblemáticos do litoral atlántico europeo.