A Xunta destaca a capacidade de Galicia para acoller competicións deportivas na presentación da décima edición do Ecorallye A Coruña
O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, animou a seguir unha proba que contará con récord de inscricións e a participación dos mellores pilotos da especialidade
A Coruña, 15 de setembro de 2026
O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, participou hoxe na presentación EcoRallye A Coruña, cuxa décima edición se disputará do xoves ao domingo próximos marcando un récord de inscricións. A proba, puntuable para a copa Europea Bridgestone FIA Eco Rally Cup e para o Campionato de España de Enerxías Alternativas (CEEA) é a única destas características que se desenvolve en Galicia e contará entre os participantes cos tres últimos campións do mundo da especialidade.
A cita, organizada pola Escudería La Coruña, alcanza os 57 equipos participantes, a cifra máis alta dos seus dez anos de historia, e reunirá na grella de saída a seis campións de España. A caravana percorrerá preto de 600 quilómetros por máis dunha trintena de municipios das provincias da Coruña e de Lugo, nunha edición que, en palabras de Roberto García, volve situar Galicia e A Coruña ante o reto de acoller un evento da magnitude das grandes citas deportivas nacionais e europeas.
A competición combina ademais a dimensión deportiva coa aposta polas novas tecnoloxías, o aforro enerxético e a redución de emisións, mediante o uso de combustibles alternativos e da electricidade, características que o secretario xeral para o Deporte vinculou co valor diferencial dunha disciplina que promove a protección do medio ambiente e a sustentabilidade do sector do motor.
Roberto García aproveitou a presentación para felicitar a Escudería La Coruña polo traballo desenvolvido e animar os afeccionados ao deporte e ao motor a achegarse a unha proba que forma parte do calendario internacional por terceiro ano consecutivo.