O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presentou en rolda de prensa a proposta de actualización elaborada pola Comisión Notarial de Dereito Civil de Galicia

A Xunta impulsa a reforma da Lei de Dereito Civil de Galicia para adaptala á realidade social e tecnolóxica actual

O obxectivo é prestar especial atención á protección de persoas con discapacidade, idade avanzada ou en situación de soidade non desexada, co reforzo do contrato de vitalicio

Introdúcese un título específico para incrementar a seguridade xurídica das parellas de feito

Os principais cambios céntranse no dereito de sucesións, no que se manteñen instrumentos fundamentais e se incorpora unha regulación específica do patrimonio dixital, entre outras novidades

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, presentou hoxe a proposta de reforma da Lei de Dereito Civil de Galicia elaborada a petición da Xunta pola Comisión Notarial de Dereito Civil de Galicia, que agora será analizada polo Goberno galego como punto de partida. Na presentación participou tamén o decano do Colexio Notarial de Galicia, José María Graíño, integrante da comisión.

Segundo sinalou Diego Calvo, a petición da proposta de reforma obedece á necesidade de adaptar unha normativa do ano 2006 e que foi revisada por última vez en 2017 ás novas necesidades sociolóxicas e tecnolóxicas, así como ao dereito internacional, e de prestar especial atención á protección das persoas con discapacidade, idade avanzada ou en situación de soidade non desexada. O documento de traballo entregado hoxe consta de 200 artigos, redactados durante cinco anos e 60 sesións de debate xurídico.

Así, entre os cambios propostos figura o do reforzo do contrato de vitalicio, para que as persoas que entregan parte do seu patrimonio a cambio de recibir alimentos, asistencia e coidados durante toda a súa vida teñan a seguridade de que ese compromiso se vai cumprir. Búscase tamén que estas relacións estean mellor cuantificadas e definidas desde o principio, ademais de reforzar as posibilidades de reacción ante un incumprimento permitindo a resolución do contrato.

Por outra banda, quérese reforzar a seguridade xurídica das parellas de feito, coa incorporación dun novo título na norma dedicado de xeito específico a esta realidade familiar, xa consolidada. Entre as modificacións figura que os membros da parella poidan pactar as súas relacións económicas, o recoñecemento expreso do traballo no fogar e, en caso de falecemento, o recoñecemento dos mesmos dereitos que a lei atribúe aos cónxuxes viúvos.

Dereito sucesorio

O conselleiro explicou que os principais cambios propostos se centran no dereito de sucesións, coa reforma de case 200 artigos da actual norma. Neste eido mantéñense instrumentos fundamentais como o testamento, os pactos sucesorios e a propia lei, reforzando a capacidade das persoas para organizar en vida como queren que se distribúa o seu patrimonio e asentando a autonomía da vontade no proceso sucesorio. Ademais, adáptase a lei galega á normativa de apoio ás persoas con discapacidade e ao dereito europeo.

Como novidade, incorpórase unha regulación específica do patrimonio dixital, como páxinas web, contas en liña, perfís en redes sociais ou activos financeiros virtuais. A proposta define que debe entenderse por patrimonio dixital e establece regras sobre a súa titularidade e xestión despois do falecemento: como actuar ante os prestamistas dos servizos, determinar o acceso total aos contidos, decidir acerca do mantemento, modificación ou eliminación dos perfís persoais en redes sociais ou servizos equivalentes... Ademais permite que unha persoa poida decidir mediante testamento quen será titular deses bens dixitais e quen se encargará de xestionalos, incluíndo a posibilidade de nomear testamenteiros dixitais.

Entre as novidades destaca tamén a limitación da responsabilidade dos herdeiros aos bens da herdanza, de xeito que se compatibiliza a suficiente protección dos acredores coa das persoas herdeiras, e a posibilidade de renuncia da lexítima en vida.

Diego Calvo incidiu en que a proposta de actualización realizada a instancias da Xunta ten como obxectivos primordiais que o Dereito Civil galego siga sendo capaz de protexer a maiores e persoas con discapacidade, que dea seguridade xurídica ás novas formas de convivencia, permita organizar mellor a transmisión do patrimonio familiar e teña en conta a realidade dixital. Búscase tamén que facilite os procesos sucesorios, reducindo incertezas e ofrecendo instrumentos xurídicos máis claros e flexibles. Apuntou ademais que esta reforma se enmarca na aposta do Goberno galego por unha xustiza moderna, eficiente e próxima á cidadanía.

A maiores, o conselleiro agradeceu o traballo realizado pola Comisión Notarial de Dereito Civil de Galicia, integrada, ademais de por José María Graíño, polos notarios Carmen Alicia Calaza, da Estrada; José Luis Espinosa, de Vigo; María Inmaculada Espiñeira, de Santiago de Compostela; María Isabel Louro, de Ourense; Francisco Mariño, de Cervo-Burela;   Francisco Ordóñez, da Coruña; e Víctor José Peón, tamén da Coruña, así como polo catedrático de Dereito Civil Miguel Ángel Pérez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2026