A Xunta asina o convenio co Ilustre Colexio de Avogados da Coruña para apoiar o seu servizo de medios adecuados de solución de controversias
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, vén de asinar o acordo co presidente do organismo, Augusto José Pérez-Cepeda Vila, a través do que o Goberno galego financia cun máximo de 30.000 euros os gastos derivadas deste servizo, que se enmarca no ámbito da asistencia xurídica gratuíta
A Administración autonómica fomenta con este convenio a mediación intraxudicial como alternativa ao proceso xudicial ou á vía arbitral, contribuíndo á desxudialización dos conflitos
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director de Xustiza, José Tronchoni, vén de asinar co decano do Ilustre Colexio de Avogados da Coruña, Augusto José Pérez-Cepeda Vila, o convenio para o financiamento e apoio, no ámbito da asistencia xurídica gratuíta, do funcionamento do servizo de medios adecuados de solución de controversias -servizo Masc Icacor- xa implantado o ano pasado por este colexio profesional, no ámbito dos asuntos civís e mercantís, incluídos, de ser o caso, os asuntos transfronteirizos en Galicia durante o ano 2026.
O acordo establece unha compensación da Xunta ao Ilustre Colexio de Avogados da Coruña de 18 euros por cada servizo realizado, cun importe máximo de 30.000 euros destinados ao pagamento dos gastos derivados das intervencións certificadas.
O obxectivo é facilitar que as persoas beneficiarias do dereito á asistencia xurídica gratuíta poidan acceder, antes da eventual interposición dunha demanda civil ou mercantil, aos servizos de invitación a negociar e de formulación de ofertas vinculantes prestados polo Servizo Masc Icacor, favorecendo así a resolución extraxudicial dos conflitos e unha utilización máis eficiente dos recursos públicos destinados á asistencia xurídica gratuíta.
As solicitudes poderán consistir nunha invitación para negociar ou nunha oferta vinculante, e deberán tramitarse mediante os formularios habilitados polo Colexio. As actuacións poderán realizarse por medios de notificacións fidedignas por vía electrónica ou, cando non se dispoña dun correo electrónico habitual da parte contraria, mediante correo administrativo certificado con acuse de recibo, coa correspondente certificación de contido.
Deste xeito, a Xunta continúa a fomentar a mediación intraxudicial para dar solucións prácticas, efectivas e rendibles a determinados conflitos entre partes, o que a configura como unha alternativa ao proceso xudicial ou á vía arbitral, contribuíndo á desxudialización dos conflitos.