A Xunta impulsa o Plan Senda 2028 cun investimento de 24,4M€ para avanzar cara a unha xustiza dixital máis eficaz e accesible

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, explicou no Parlamento as principais liñas deste novo plan tecnolóxico xudicial

Entre as novidades, destacan a incorporación da intelixencia artificial, o sistema de xestión procesual Atenea e novas ferramentas para facilitar a relación coa cidadanía

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2026

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, explicou hoxe no Parlamento de Galicia as principais liñas do Plan Senda 2028, director xeral de Xustiza, José Tronchoni, explicou hoxe no Parlamento de Galicia as principais liñas do Plan Senda 2028, a folla de ruta da Xunta para continuar coa transformación dixital da Administración de Xustiza e adaptala aos cambios introducidos pola nova Lei de eficiencia do Servizo Público de Xustiza. O plan conta cun investimento de 24,4 millóns de euros e incorpora novas solucións tecnolóxicas para mellorar a xestión xudicial, facilitar o traballo dos profesionais e facer máis accesible a Xustiza á cidadanía.

José Tronchoni explicou que o Senda 2028 lle dá continuidade ao traballo desenvolvido polo anterior Senda 2025, que permitiu avanzar na dixitalización da Administración de Xustiza coa implantación do expediente xudicial electrónico, a extensión das canles de relación dixital e a dotación de novas infraestruturas e ferramentas.

O novo plan parte desta base para responder aos cambios normativos, organizativos e procesuais derivados da Lei Orgánica 1/2025, que supuxo unha transformación do modelo de organización da Xustiza en Galicia, e para incorporar novas capacidades tecnolóxicas ao servizo dos profesionais e da cidadanía.

O Senda 2028 conta cun orzamento de 24,4 millóns de euros, dos que 17,5 millóns proceden de fondos propios da Comunidade Autónoma e 6,9 millóns do programa Galicia FEDER 2021-2027. Esta dotación corresponde ás actuacións específicas do ámbito da Xustiza e non inclúe as iniciativas tecnolóxicas de carácter transversal da Xunta.

O Plan Senda 2028 está dirixido ao conxunto dos profesionais que participan na Administración de Xustiza en Galicia. Máis de 3.600 profesionais, entre xuíces e maxistrados, letrados da Administración de Xustiza, fiscais, persoal de xestión, tramitación e auxilio, así como profesionais do ámbito forense e equipos técnicos, beneficiaranse das novas ferramentas e servizos que contempla o plan. A eles súmanse os máis de 9.200 profesionais da Xustiza —avogados, procuradores e graduados sociais— que se relacionan habitualmente coa Administración de Xustiza e que tamén poderán beneficiarse da evolución das súas canles

Un dos eixes centrais do plan será a xestión intelixente do expediente xudicial electrónico, que permitirá seguir avanzando cara a unha tramitación integramente dixital, cun acceso máis integrado, áxil e seguro á información e á documentación dos procedementos.

Neste ámbito, evolucionarán as ferramentas de consulta e xestión do expediente e os servizos asociados. Entre elas, destaca o Visor Intelixente do EXE (ViaEXE), que facilita a localización e consulta da información dos expedientes e permite un acceso máis sinxelo e seguro á documentación, metadatos e actuacións.

O plan contempla ademais a incorporación progresiva da intelixencia artificial como ferramenta de apoio ao traballo dos profesionais da Xustiza, sempre baixo criterios de uso responsable, seguro e supervisado. Entre as capacidades previstas figuran a asistencia conversacional, a textualización, a anonimización, a elaboración de resumos e a detección de identidades.

Atenea, novo sistema de xestión procesual

Outra das principais novidades será a posta en marcha de Atenea, o novo sistema de xestión procesual que substituirá a Minerva. A súa implantación permitirá adaptar as ferramentas tecnolóxicas ao novo modelo organizativo da Administración de Xustiza e facilitar o traballo diario dos profesionais.

Atenea integrarase na infraestrutura tecnolóxica de Galicia e permitirá simplificar procesos, mellorar a produtividade e facilitar o intercambio seguro de información cos distintos axentes que interveñen na actividade xudicial. Ademais, ofrecerá un contorno bilingüe, incorporando as dúas linguas oficiais.

O novo sistema contribuirá tamén a avanzar na interoperabilidade da Administración de Xustiza, mediante a integración cos principais sistemas de información xudicial e o intercambio automatizado de documentos e expedientes. O obxectivo é que a información poida circular de forma máis áxil, segura e eficiente entre os distintos organismos e sistemas.

Máis servizos dixitais para a cidadanía

O Plan Senda 2028 incorpora tamén medidas destinadas a facer a Xustiza máis próxima, accesible e comprensible, especialmente para as persoas e colectivos que poden atopar maiores dificultades na súa relación coa Administración.

Neste ámbito, está prevista a evolución da Sede Xudicial Electrónica, coa ampliación dos trámites e da información dispoñible e novas posibilidades de acceso dixital aos servizos xudiciais.

Tamén se reforzarán as Oficinas de Xustiza no Municipio, dotándoas de novas capacidades tecnolóxicas para ampliar os servizos que ofrecen á cidadanía e facilitar o acceso á Xustiza, especialmente nas contornas rurais.

O plan contempla ademais a implantación dun sistema integral de acompañamento e atención nas sedes xudiciais, con ferramentas para facilitar a xestión de citas e citacións, orientar sobre os trámites e axudar á cidadanía a localizar os espazos dentro das sedes.

Entre os novos mecanismos para facer máis accesible a Xustiza atópanse Conecta Xustiza, que facilitará a atención e a participación remota sen necesidade de desprazamentos; e Conversa Xustiza, un asistente virtual especializado que ofrecerá información básica sobre os servizos, procedementos e canles dixitais da Administración de Xustiza.

Con estas medidas, o Senda 2028 avanza cara a unha Xustiza dixital, intelixente e centrada na cidadanía, na que a tecnoloxía permita mellorar a eficiencia e ampliar as capacidades dos profesionais, mantendo sempre o seu papel esencial e as garantías propias do Estado de Dereito.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2026