O titular de Sanidade, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol e a xerente da área sanitaria, mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Ortigueira

O conselleiro de Sanidade anuncia a posta en marcha en outubro do servizo de hospitalización a domicilio en Ortigueira, Cariño e Cedeira

Gómez Caamaño remarca que, deste xeito, dáse resposta a unha demanda do Concello e do alcalde de Ortigueira, que se materializa pese ás dificultades actuais derivadas da falta de profesionais sanitarios

Refire que o novo equipo estará formado por 1 médico e 3 profesionais

Incide en que, coa incorporación deste quinto equipo na área sanitaria de Ferrol, acádase unha cobertura deste servizo do 96,4 %, beneficiando a un total de 15 concellos

Subliña que a Hospitalización a Domicilio é un dos servizos mellor valorados pola cidadanía

Ferrol, 16 de setembro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe a posta en marcha do servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO) en Ortigueira, Cedeira e Cariño, que entrará en funcionamento no mes de outubro.

Así o avanzou tras reunirse co alcalde do concello de Ortigueira, Valentín Calvín, nun encontro no que tamén estiveron presentes a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a xerente da área sanitaria, Fernanda López.

O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde dixo que, con este servizo dáse resposta a unha demanda do Concello e do alcalde, que se materializa pese ás dificultades actuais derivadas da falta de profesionais sanitarios.

Con este novo equipo, formado por 1 médico e 3 profesionais, o servizo de HADO pasa a contar con cinco equipos, cun total de 5 médicos e 12 profesionais de enfermería.

Deste xeito, o Servizo Galego de Saúde dá un importante salto en cobertura, conseguindo que a Hospitalización a Domicilio pase de chegar ao 87,3 % a acadar ao 96,4 % da poboación da Área Sanitaria de Ferrol, beneficiando a 15 concellos.

Do mesmo xeito, amplíase do servizo de hospitalización a domicilio de 40 a 50 camas, ao dispoñer dun quinto equipo.

Humanización e continuidade asistencial

A Hospitalización a Domicilio, que é un dos servizos mellor valorados pola cidadanía, permite que determinados pacientes reciban no seu propio fogar coidados médicos e de enfermería de rango hospitalario, evitando o ingreso convencional cando a súa situación clínica o permite. É un modelo que humaniza a atención, favorece a continuidade asistencial e permite que o paciente permaneza na súa contorna familiar.

Deste xeito, súmase un novo servizo á comarca, tras a posta en marcha en 2024 da unidade de raios no centro de saúde de Ortigueira, que evita a centos de cidadáns ter que desprazarse a Ferrol para realizar as radiografías.

O Servizo Galego de Saúde continúa a traballar para achegar novos servizos sanitarios aos concellos de Ortegal, facilitando a atención, especialmente ás persoas maiores ou con dificultades de mobilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2026