A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue principia hoxe a campaña en centros educativos universitarios e non universitarios de toda Galicia
O obxectivo da campaña “Un alento de vida” pasa por superar as 3.641 doazóns acadadas nos centros de ensino non universitario e as 4.605 doazóns en centros universitarios rexistradas no pasado curso académico
Santiago, 17 de setembro de 2026
As unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) principian hoxe a campaña de doazón en centros docentes universitarios e non universitarios de toda Galicia, co obxectivo de superar as máis de 8.200 doazóns recollidas no pasado curso académico. Esta iniciativa comprende dúas fases: a primeira que abrangue os meses de setembro a novembro e unha segunda que terá lugar a comezos do vindeiro 2027.
Neste curso académico, a campaña desenvolverase baixo o lema “Un alento de vida”, que da continuación á iniciativa de captación de doazóns de sangue que tivo lugar nos meses de verán, e que tenta sensibilizar á cidadanía da importancia de doar sangue para ofrecer aos doentes unha nova oportunidade de vida.
Campaña nas Universidades
A ADOS visitará este xoves 17 de setembro os campus da Coruña e Ferrol, dentro da campaña de benvida aos universitarios e universitarias que desenvolve a Universidade da Coruña (UDC). Unha unidade móbil estará no campus de Elviña na rotonda de Socioloxía das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 horas. Así mesmo, o campus de Esteiro recibirá a visita doutra unidade móbil da Axencia, que estará estacionada na Praza da Fonte das 09:30 ás 14:30 horas.
O obxectivo da Axencia para o presente curso académico pasa por achegarse ata as 4.500 doazóns de sangue nos sete campus das tres universidades galegas. Neste sentido, salientar que, no transcurso do pasado curso académico 2025-2026, as tres universidades galegas aportaron un total de 4.605 doazóns de sangue, das cales 1.633 doazóns (un 35% dos doantes) correspóndense con persoas que doaban por vez primeira.
Datos de participación
A Universidade de maior número de doazóns foi a de Santiago de Compostela, con 1.891 doazóns de sangue, seguida da Universidade da Coruña con 1.427 e, por último, a Universidade de Vigo cun total de 1.287 achegas. Por campus, a distribución aparece recollida na seguinte táboa:
|
CAMPUS |
DOAZÓNS curso 2024-25 |
DOAZÓNS curso 2025-26 |
|
A CORUÑA |
1.119 |
1.144 |
|
FERROL |
281 |
283 |
|
SANTIAGO DE COMPOSTELA |
1.092 |
1.455 |
|
LUGO |
461 |
436 |
|
VIGO |
765 |
731 |
|
PONTEVEDRA |
304 |
288 |
|
OURENSE |
309 |
268 |
|
TOTAL DOAZÓNS NOS SETE CAMPUS |
4.331 |
4.605 |
Centros de ensino non universitario
Polo que atangue aos centros de ensino non universitario, salientar que, no pasado curso académico, rexistráronse un total de 3.641 doazóns de sangue, das cales 1.659 (o 45,6%) foron de persoas que doaban por vez primeira.
As unidades móbiles da Axencia visitaron no pasado curso académico 85 centros de ensino non universitario das catro provincias galegas obtendo un total de 1.659 doazóns nos centros da Coruña, 224 doazóns en Lugo, 386 doazóns en Ourense y 1.372 doazóns en centros pontevedreses.
Ao longo da presente xornada, unidades móbiles da ADOS estarán no IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa) e no Centro de Ensino EFA A Cancela (As Neves), sendo os primeiros centros en acoller as campañas de doazón de sangue no eido educativo durante o presente curso académico.
Agradecemento
ADOS quere agradecer aos reitorados das tres Universidades galegas, así como aos decanos e aos directores de centros de ensino, tanto universitario como non universitario, o seu decidido compromiso para impulsar a doazón de sangue, así como doutros xeitos de doazón (medula ósea) entre a comunidade estudantil, ao tempo que fai extensivo este recoñecementos a todos os estudantes galegos que doan sangue.
Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.