O conselleiro de Sanidade, a reitora da USC e o presidente da Fundación asinaron o correspondente convenio
A Consellería de Sanidade, a USC e a Fundación de investigación biomédica Galicia Sur colaborarán nun proxecto piloto para a vixilancia molecular da lexionelose
O financiamento desta iniciativa correrá a cargo da Consellería de Sanidade, que achegará a cantidade de 18.150 euros
Este proxecto piloto contribuirá á seguridade sanitaria de Galicia, permitindo unha comunicación eficaz dos resultados de vixilancia ás autoridades sanitarias, así como á poboación galega
Esta iniciativa poderase aplicar no futuro a outras toxinfeccións alimentarias onde se ve afectada a cadea alimentaria
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2026
A Consellería de Sanidade, a Universidade de Santiago de Compostela, a través do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), e a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica, colaborarán nun programa piloto para a vixilancia molecular da lexionelose en Galicia.
O convenio foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, pola reitora da USC, Rosa Crujeiras Casais, e polo presidente do Padroado da Fundación, Javier Puente Prieto.
Para levar a cabo a realización da análise bioinformática das secuencias xenómicas da lexionela nas mostras medioambientais de auga e nas mostras clínicas humanas, a Consellería de Sanidade require da colaboración da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur e a Universidade de Santiago de Compostela.
O financiamento desta iniciativa correrá a cargo da Consellería de Sanidade, que achegará a cantidade de 18.150 euros, dos que 4.840 serán para a USC e 13.310 para a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica.
Vixilancia sanitaria
Por medio deste programa preténdese coñecer o xenotipado de cepas ambientais clínicas humanas do microorganismo legionella pneumophila serogrupo 1-14 nos illados das mostras medioambientais que ten o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia obtidas mediante a toma de mostras de auga dentro do Programa de vixilancia sanitaria da lexionelose, e nas mostras clínicas humanas obtidas nos servizos de microbioloxía do Sergas en pacientes con lexionelose.
Os resultados deste proxecto permitirán entender a epidemioloxía da Lexionela en Galicia e facilitar o intercambio eficaz de información xenómica e epidemiolóxica (data, sexo, idade, abrocho, orixe xeográfica) entre profesionais de distintos ámbitos.
Tamén permitirá procesar de forma conxunta a nivel galego e en tempo real a información da epidemioloxía xenómica e estruturará unha información complexa para que poida chegar a ter aplicación na prevención e o control de brotes de lexionelose.
Xunto ao anterior, permitirá explotar a reutilización dos datos xenómicos en modelos predictivos.
Este proxecto piloto contribuirá á protección da saúde da poboación galega así como á vixilancia sanitaria da lexionelose en Galicia, permitindo unha comunicación eficaz dos resultados de vixilancia ás autoridades sanitarias, así como á poboación galega.
Así mesmo, esta iniciativa preténdese aplicar no futuro a outros microorganismos responsables de toxinfeccións alimentarias onde se ve afectada a cadea alimentaria, como pode ser a listeria, salmonella, norovirus, etc.