O comisario do Xacobeo 2027 presentou a cita que reuniu o pasado ano a máis de 40.000 asistentes

Lugo acolle esta fin de semana a oitava edición do Caudal Fest co apoio dos concertos do Xacobeo

A Xunta de Galicia apoia a última gran cita musical do verán, que se celebra en Lugo os días 18 e 19 de setembro

O cartel reúne artistas como Lori Meyers, Xoel López, Siloé, Leire Martínez, Carlos Ares ou Sexy Zebras, xunto a novas propostas da escena pop actual

Lugo, 16 de setembro de 2026

Lugo acolle esta fin de semana a oitava edición do Caudal Fest, unha das grandes citas coa música en directo do calendario galego, que conta co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. O festival desenvolverase os días 18 e 19 de setembro no Xardín do Pazo de Feiras e Congresos.

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou na presentación do festival, que contribúe a reforzar a capacidade de Lugo para atraer visitantes a través da cultura e da música en directo. Segundo os datos da pasada edición, aproximadamente o 40% do público procede de Lugo, o 30% doutras provincias galegas e outro 30% de fóra de Galicia, confirmando a capacidade de convocatoria do evento máis alá do seu ámbito local.

O Caudal Fest ten tamén un efecto directo sobre sectores como a hostalería e o comercio pola importante chegada de visitantes que se concentra na cidade durante a fin de semana. Neste sentido, Marcos Gómez Román puxo en valor a capacidade do festival para combinar a programación musical coa propia experiencia de coñecer Lugo destacando que “o Caudal Fest é un bo exemplo de como a cultura pode converterse tamén nun atractivo turístico para os territorios”. Neste sentido, destacou que “a capacidade do festival para atraer público de fóra da provincia, permite que moitas destas persoas descubran a cidade, o seu patrimonio, a súa gastronomía e a súa oferta de ocio. Desde os Concertos do Xacobeo queremos acompañar eventos que teñen esta capacidade de mobilización e que contribúen á proxección de Lugo como destino.”

O comisario do Xacobeo 2027 tamén destacou o valor dos grandes eventos musicais como elementos de dinamización turística ao longo do ano. Así, baixo o lema ‘A última gran festa do verán’, o responsable da Xunta sinalou que “a celebración do Caudal Fest a finais de setembro contribúe a prolongar a actividade turística e cultural máis alá dos meses centrais do verán. Unha oportunidade para seguir xerando motivos para viaxar por Galicia tamén fóra da tempada estival”.

Sobre o Caudal Fest

O Caudal Fest celebra este ano a súa oitava edición os días 18 e 19 de setembro no Xardín do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo cunha programación que combina nomes consolidados do pop indie estatal e galego xunto con outras propostas emerxentes. O venres 18 actuarán Lori Meyers, Xoel López, Pignoise, Sanguijuelas del Guadiana, Barry B, Ortiga, Besmaya, Inazio, Anni B Sweet e No Quiero. O sábado 19 será a quenda de Siloé, Ultraligera, Carlos Ares, La La Love You, Sexy Zebras, Leire Martínez, Veintiuno, O Caimán do Río Tea e Tere!.

Na edición de 2025, o festival reuniu máis de 40.000 asistentes e xerou un impacto económico estimado de 15 millóns de euros, segundo os datos facilitados pola organización. Estes resultados avalan a capacidade do Caudal Fest para mobilizar público e xerar actividade económica na cidade e na súa contorna.

Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade, con máis de 190 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 80 localidades de toda Galicia.

O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2026